O Entroido é un deses momentos que teñen unha maxia especial. Moitas persoas sacan a relucir a súa creatividade para plasmala nos seus disfraces.
Este venres presentouse a programación do Entroido, que contará cun homenaxe ao Padre Xiao porque se fan 40 anos dende que comezaron os seus sermóns nestas festividades. Será o venres 13 de febreiro ás 20.00 horas na Casa das Letras.
O mesmo venres celebraráse un scape room urbano organizado polos hostaleiros da Estrada. Baixo o título O refuxio do xeneral, comezará ás 20.00 horas e rematará a medianoite.
O sábado 14 o segundo andar do Novo Mercado acollerá, desde as 17.00 horas, o baile de disfraces infantil, con xogos e merenda. Media hora despois comezará na residencia de maiores o tradicional baile de disfraces.
Couso e Santa Cristina de Vea celebrarán os seus tradicionais Entroidos o domingo 15. Durarán todo o día e percorrerán toda a parroquia, en ambos casos.
O luns 16 será o turno do tradicional concurso de disfraces da Estrada, que comezará ás 17.00 horas na Rúa Antón Losada Diéguez. Presentado por Isi, rematará na Praza da Feira, onde se entregarán os premios. O DJ Carlos López amenizará a deliberación do xurado.
Ás 22.00 horas comezará o baile de disfraces de Guimarei, que contará cun DJ e dúas orquestras. Contarán con campo cuberto e con servizo de autobús entre A Estrada e Guimarei dende as 22.00 ata ás 6.00 horas.
Ás 16.30 horas do martes 17 será do desfile das parroquias, que tamén comezará na Rúa Antón Losada Diéguez e rematará na Feira. Contará coa participación dos Xenerais da Ulla, que farán o seu tradicional atranque ás 18.30 horas. Estará presentado por Pablo Chichas e contará coa bendición do Padre Xiao.
O sábado 21 será a quenda do Entroido de Arnois. Percorrerá todos os lugares da parroquia ao longo da xornada e ás 19.00 horas terá lugar o atranque no campo da festa. Ademais, ás 19.00 horas terá lugar na Estrada o enterro do salmón.
Imaxe de portada: presentación do Entroido na Estrada // Concello da Estrada

Deixar un comentario