N640: Highway to hell

N640: Highway to hell

Luis López Bueno · PSOE

A estrada nacional N-640 ao seu paso pola Estrada converteuse, desde hai tempo, nun exemplo claro de abandono en materia de conservación viaria. O mal estado do asfalto, con firmes moi deteriorados, fochancas, gretas e parches provisionais, afecta de forma directa á seguridade dos peóns e á comodidade da circulación, xerando unha situación que consideramos insostible para unha vía desta relevancia.

Desde o Grupo Municipal Socialista insistimos de maneira reiterada ante o Ministerio de Transportes na necesidade urxente de actuar sobre esta estrada. Non só presentáronse solicitudes formais, senón que tamén se contactou directamente co propio Ministerio para trasladar a preocupación veciñal e a gravidade do problema. Con todo, a día de hoxe, non estamos satisfeitos cos resultados, xa que as actuacións realizadas foron puntuais, insuficientes e claramente afastadas dunha solución integral que garanta un firme en condicións adecuadas.

Preocúpannos especialmente puntos concretos como O Sol, Liñares e o centro urbano da Estrada, onde ao deterioro do asfalto súmase a unha alta intensidade de tráfico, cruces complexos e circulación de peóns. Estes tramos presentan problemas evidentes de seguridade viaria, incrementando o risco de accidentes e obrigando a condutores e peóns a extremar a precaución no seu día a día.

Nos últimos anos houbo 9 atropelos na vila, un en Liñares, e outros accidentes de tráfico nos que, ben seguro, o mal estado da vía houbo xogar a súa parte. É unha situación inaceptable.

Non se pode esquecer que a N-640 é unha infraestrutura chave para os veciños e veciñas da Estrada. Trátase da principal vía de comunicación do municipio e de moitas das súas parroquias, utilizada a diario para desprazarse ao traballo, aos centros educativos, sanitarios ou comerciais. O seu correcto estado é fundamental non só para a mobilidade, senón tamén para o dinamismo social e económico, facilitando a actividade empresarial, o comercio local e a cohesión territorial.

Por todo iso, desde o Grupo Municipal Socialista reiteramos a necesidade dunha intervención seria, planificada e definitiva na N-640. O Pleno do Concello xa o pediu no seu momento, co voto favorable de todos os grupos políticos. A Estrada e as súas parroquias merecen unha N640 segura, moderna e acorde á importancia que ten para a vida cotiá dos veciños e veciñas, para o desenvolvemento presente e futuro do municipio.

Queres ler máis artigos coma este?
Visita o espazo web de Politicando!

Comentarios

Deixar un comentario