Ás 19.30 horas os teléfonos de todos os veciños que se atopan na zona denominada Interior de Pontevedra recibiron unha mensaxe ES-ALERT alertando do risco que conlevan as precipitacións que se agardan para este luns e que levaron á AEMET a activar un aviso vermello, pois pódense acumular 120mm en doce horas.
Ademais, suspendéronse as clases para este luns, así como o transporte escolar e toda actividade deportiva federada e do programa Xogade.
No Interior de Pontevedra atópanse os concellos da Estrada, Cuntis, Forcarei, A Lama, Cerdedo-Cotobade, Agolada, A Cañiza, Covelo, Dozón, Lalín, Moraña, Silleda, Campo Lameiro, Fornelos de Montes, Rodeiro e Vila de Cruces.
Previsión meteorolóxica
Desde as 8.00 horas deste luns permanecerá activo un aviso vermello por chuvia en 12 horas, podéndose acumular 120mm nese período. Este aviso prolongaráse ata as 3.00 horas da madrugada do martes.
Desde as 12.00 horas e ata a medianoite tamén estará activo un aviso amarelo por chuvia nunha hora, con acumulados de 15mm nese periodo de tempo. Asemade, Ás 18.00 horas activarase outro aviso amarelo, esta vez por refachos de ata 80km/h. Este aviso desactivarase ás 6.00 horas do martes.

Os peores momentos, segundo as previsións da AEMET no momento de redacción desta noticia, serán entre as 12.00 e as 16.00 horas e entre as 20.00 e o remate do día.
Niveis de aviso
- Verde: Sen risco meteorolóxico
- Amarelo: Non existe risco meteorolóxico para a poboación en xeral, pero si para algunha actividade concreta.
- Laranxa: Existe un risco meteorolóxico importante (fenómenos meteorolóxicos non habituais e con certo grado de perigo para as actividades habituais).
- Vermello: Risco meteorolóxico extremo (fenómenos meteorolóxicos non habituais, de intensidade excepcional e cun nivel de risco para a poboación moi alto). Non viaxe salvo que sexa estritamente necesario.
Suspensión de clases
A Comisión Escolar de Alertas decretou a suspensión das clases e do transporte escolar deste luns no Interior de Pontevedra por mor das intensas chuvias que se prevén desde as 8.00 horas desa xornada ata a medianoite.
Esta suspensión súmase á do pasado venres, nese caso polo aviso laranxa que se activou na zona do Interior de Pontevedra por acumulados de 5 centímetros de neve en cotas superiores aos 600 metros.
Imaxe de portada: ES-ALERT enviado á poboación // Xornal da Estrada

Deixar un comentario