Actualización dos datos dos incendios que afectan a Galicia

Actualización dos datos dos incendios que afectan a Galicia

Medio Rural ven de actualizar os datos dos incendios forestais que asolan Galicia.

Na provincia de Lugo, o incendio Folgoso do Courel-A Pobra do Brollón, que xurdiu da unión de dous incendios da parroquia de Saa (A Pobra do Brollón) e de outros dous da de Vilamor (Folgoso do Courel), xa afectou a 4900 hectáreas e continúa activa a situación 2 de emerxencia. Tamén no concello de Folgoso do Courel outro incendio xa leva calcinadas 1100 hectáreas e tamén ten activo o nivel 2 de emerxencia. En Palas de Rei un incendio iniciado na parroquia de Ramil xa afectou a 375 hectáreas. No concello de Cervantes están activos os incendios de Cereixedo (65 hectáreas) e de Noceda (100 hectáreas) e está estabilizado o de Donís (75 hectáreas). En Quiroga, o incendio de Nocedo está estabilizado con 15 hectáreas afectadas e, o de Outeiro, controlado con 250 hectáreas afectadas. En Antas da Ulla o incendio está controlado e afectou a 40 hectáreas.

Na provincia de Ourense, o principal incendio é o de Carballeda de Valdeorras, que afecta principalmente ao concello do Barco de Valdeorras. Este incendio xa afectou a 7500 hectáreas e está activo a situación 2 pola proximidade do lume ao núcleo da Candeada e xa afecta ao Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra. En Oímbra hai dous incendios activos (San Cibrao con 400 hectáreas afectadas e que se reactivou onte e Rabal, con 700 hectáreas afectadas) nos que se desactivou a Situación 2 e hai outro estabilizado esta madrugada (Videferre con 350 hectáreas afectadas). Todos os incendios do concello entraron desde Portugal. En Vilariño de Conso continúa activo o incendio que afecta ao Parque Natural do Invernadeiro con 2650 hectáreas afectadas. En Ribadavia atópase controlado o incendio que afecta 65 hectáreas.

Na provincia de Pontevedra continúa controlado o incendio de Rodeiro con 200 hectáreas afectadas.

Comentarios

Deixar un comentario