Galicia está en alerta polos incendios. Novamente grandes masas forestais están ardendo na nosa comunidade. O máis preocupante atópase no Courel, no Barco de Valdeorras e na Serra do Invernadoiro, pero aparecen máis incendios, e próximos ás casas.
En Folgoso do Courel hai 2 incendios activos, con nivel de emerxencia 2 pola proximidade do lume ás casas. Un dos incendios xurde da unificación dos dous incendios que afectan á parroquia de Vilamor e os dous da parroquia de Saa, na Pobra do Brollón. Este incendio xa calcinou unhas 4.500 hectáreas segundo Medio Rural. O outro incendio no concello de Folgoso do Courel, iniciado na parroquia de Seceda, xa arrasou 1.100 hectáreas. Neste último incendio participa a UME nas labores de extinción.
O outro gran incendio de preocupación é o de Carballeda de Valdeorras, aínda que o máis grave atópase no concello do Barco de Valdeorras. Este incendio reactivouse por un cambio de vento e xa afecta a máis de 4600 hectáreas. Nas labores de extinción participa a UME.
No concello de Oímbra hai tres incendios. Dous entraron desde Portugal. O máis grave actualmente é o que afecta á parroquia de Rabal, onde se solicitou a activación do nivel 2 de emerxencia pola proximidade do lume ás casas e onde xa se calcinaron 130 hectáreas. O outro procedente de Portugal calcinou 350 hectáreas e, o último incendio, calcinou 50 hectáreas e está controlado. Nestes dous últimos incendios desactivouse o nivel 2 de emerxencia, ao desaparecer o risco para os núcleos de poboación.
O incendio que se orixinou na parroquia de Ramil, en Palas de Rei, afectou a unhas 375 hectáreas e tamén se desactivou o nivel de risco 2.
En Vilariño de Conso arderon 1800 hectáreas e o incendio afecta ao Parque do Invernadeiro.
No concello lucense de Cervantes permanece activo un incendio na parroquia de Cereixedo con 20 hectáreas afectadas. Neste mesmo concello, na parroquia de Donís estabilizouse esta mañá outro incendio que afecta preto de 75 hectáreas.
En Quiroga permanecen controlados desde sábado dous incendios. O primeiro é o de Outeiro, con 250 hectáreas afectada e o outro é o de Nocedo, con 15 hectáreas.
En Antas da Ulla leva controlado desde esta noite o incendio que se orixinou na parroquia de Santa Mariña do Castro de Amarante e que afectou a 40 hectáreas.
No concello de Rodeiro leva controlado desde o sábado o incendio que afecta a 200 hectáreas e que se orixinou na parroquia de Guillar.
En Ribadavia segue controlado o incendio que afecta a 65 hectáreas.
Na conta de instagram oplanetadehoxeendianoticias pode atopar toda a información que imos recibindo sobre os diferentes incendios.
Deixar un comentario