Os lumes continúan avanzando por Galicia sen control

Medio Rural actualizou os datos dos incendios que afectan á nosa comunidade:

Provincia de Lugo

O incendio Folgoso do Courel-A Pobra do Brollón afecta a 7500 hectáreas. Está activa a situación 2 pola proximidade das lapas aos núcleos de Parada dos Montes e Carballal (Folgoso do Courel) e Busto (A Pobra do Brollón).

Continúa activo outro incendio en Folgoso do Courel con 1100 hectáreas afectadas e coa situación 2 ante a proximidade ao núcleo de Gamiz.

En Cervantes, o incendio de Cereixedo atópase estabilizado con 65 hectáreas afectadas e, o do Castro, tamén se atopa estabilizado e, segundo as últimas medicións, supera as 20 hectáreas. Neste mesmo concello, ás 23.31h quedou controlado o incendio de Noceda, con 100 hectáreas queimadas, e extinguiuse o de Donís, con 75 hectáreas queimadas.

En Quiroga, o incendio de Nocedo está estabilizado con 15 hectáreas afectadas e atópase controlado o incendio de Outeiro, con 250 hectáreas queimadas.

En Palas de Rei o incendio de Ramil atópase controlado con 375 hectáreas calcinadas.

Tamén se atopa controlado o incendio de Santa Mariña de Castro de Amarante (Antas de Ulla) con 40 hectáreas queimadas.

Provincia de Ourense

O incendio de Riodolas (Carballeda de Valdeorras), que afecta principalmente ao concello do Barco de Valdeorras e ao Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra e que xa chegou a León, leva queimadas 7500 hectáreas e ten activa a situación 2 pola proximidade ao núcleo de Candeda.

En Oímbra continúan activos os 3 incendios que entraron desde Portugal. O máis grave é o de Rabal que xa leva queadas 750 hectáreas e esta madrugada desactivouse a Situación 2 pola proximidade ao núcleo de Feces de Cima (Verín). O incendio de San Cibrao afecta a 400 hectáreas e, o de Videferre, a 350 hectáreas.

En Vilariño de Conso, o incendio de Pradoalbar que afecta ao Parque Natural do Invernadoiro xa calcinou 3500 hectáreas.

Provincia de Pontevedra

Onte orixinouse e estabilizouse ás 4.23h un incendio na parroquia do Piñeiro, en Covelo. O lume calcinou menos de 20 hectáreas.

O incendio de Rodeiro continúa controlado con 200 hechareas queimadas.

Comentarios

Deixar un comentario