A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) emitiu un aviso especial por temporal marítimo e de vento e neve para gran parte da metade norte peninsular que comezará o vindeiro luns e rematará xoves.
Tal e como indican, a interacción do potente anticiclón das Azores xunto coa profundización da borrasca Fien situada ao sur das Illas Británicas dará lugar á intensificación dun temporal marítimo e de vento e neve. Ademais produciráse a entrada dunha masa de aire de orixe marítimo-polar moi fría que dará lugar a ventos intensos do noroeste e precipitacións xeralizadas acompañadas dun brusco descenso térmico que darán lugar a nevaradas en cotas que poden baixar dos 500 metros coa posible irrupción dunha masa de orixe ártico o mércores.
Para o luns prevése a entrada dunha fronte que deixará precipitacións xeralizadas que poden se localmente fortes pero que, segundo as previsións de Meteogalicia, non deixaarán acumulados de neve na nosa comunidade. Este día teremos que prestarlle atención á situación marítima- onde se prevé a activación dun aviso laranxa por ondas de 6 a 8 metros de altura e ventos de forza 8 e 9-, ao vento -prevénse refachos de ata 100 quilómetros por hora na costa da Coruña e Lugo- e polos acumulados de chuvia en zonas do interior.
O martes entrará unha masa de aire frío que provocará nevaradas a partir dos 900 metros e que irán descendendo ata os 600 metros á noite.
Para mércores Meteogalicia aínda non ofrece a previsión, pero a AEMET xa avisa, de forma xeral para a península, de que se prevé que continúe esta situación invernal cun descenso das temperaturas e con cotas de neve que se situarán nos 400 metros en amplas zonas da metade norte peninsular.
Para xoves agárdase de que a situación comece a remitir.
A situación actualmente é moi difícil de pronosticar, pero Meteogalicia xa publicou un chío en Twitter na que compara a situación que se prevé para o mércores coa do 8 de xaneiro de 2010, cando nevou de forma xeralizada en toda Galicia.


Deixar un comentario