O ciclismo vístese de loito. O ciclista suízo Gino Mäder faleceu esta mañá tras non poder superar as lesións provocadas pola brutal caída que sufriu onte no Tour de Suíza. A caída produciuse no descenso do último porto de montaña da etapa. Na caída víronse afectados o ciclista de Bahrain-Victorious Gino Mäder e o do Ineos Grenadiers, Magnus Shffield. Na caída Mäder caeu por un barranco e a altas velocidades – nese mesmo descenso, o ciclista español e gañador desa etapa Juan Ayuso chegou a superar os 100km/h. Dous minutos despois da caída os servizos médicos xa se atopaban no lugar e atopáronse ao suízo inconsciente na auga. Practicáronlle a reanimación cardiopulmonar e trasladárono ao hospital de Chur en helicóptero.
O seu equipo informou nun comunicado do seu falecemento.
“É con profunda tristeza e corazón pesado que temos que anunciar o falecemento de Gino Mäder. O venres 16 de xuño, tras un grave accidente durante a quinta etapa do Tour de Suisse, Gino perdeu a batalla para recuperarse das graves feridas que sufriu. Todo o noso equipo está devastado por este tráxico accidente, e os nosos pensamentos e oracións están coa familia de Gino e os seus seres queridos durante este momento incriblemente difícil. […]
Team Bahrain Victorious
A pesar dos mellores esforzos do fenomenal persoal do hospital de Chur, Gino non puido superar este, o seu último e maior reto, e ás 11:30 horas despedímonos dunha das luces brillantes do noso equipo.”
Milan Erze, director do equipo, comentou que “Bahrain Victorious correrá no seu honor, gardando a súa memoria en cada estrada na que corremos. Estamos decididos a mostrar o espírito e a paixón que mostrou Gino, e sempre seguirá sendo parte integrante do noso equipo”.
A carreira decidiu realizar a etapa de hoxe de forma neutralizada para rendirlle homenaxe ao ciclista. Compañeiros de equipo, rivais, equipos, carreiras, a UCI e afeccionados lamentaron a súa morte.


Deixar un comentario