López Bueno considera necesario renovar os alcaldes de barrio, pero non “a dedo”

O portavoz socialista na Estrada, Luis López Bueno, pronunciouse onte sobre o anuncio do PP local de renovar as alcaldías de barrio. López Bueno calificou a medida de necesarias dado que hai “decenas de parroquias nas que os veciños non contan con esta figura, que é fundamental para canalizar os problemas do día a día”.

Para o socialista, o culpable da renuncia de varios alcaldes de barrio foi o PP:

 “Fan o traballo de falar cos veciños e veciñas, trasládanlle as peticións ao PP e a cambio reciben poucas solucións. Ao final quedan mal cos veciños porque o PP non é capaz de arranxar cousas por pequenas que sexan e iso acaba por cansalos. Responder por un goberno vago e pouco serio tamén cansa”

Luis López Bueno, líder do PSdeG-PSOE na Estrada

Para o líder socialista, o sistema de elección de “dedazo” non é representativo e entende que o PP só quere aos alcaldes de barrio para “que tenten defender a inacción de goberno nas parroquias” e, por iso, “non queren nomear representantes dos veciños”.

“O acertado é facer unha elección democrática entre os veciños e veciñas”, comenta López Bueno, porque, de non ser así, suporía “un dedazo para nomear afíns ao PP”.

Amais, López Bueno criticou ao PP por saltarse o regulamento de participación cidadá ” non contestando por escrito aos veciños, non convocando os órganos que se crearon co regulamento e non respectando as súas atribucións”. O socialista aposta por incluír a elección democrática dos alcaldes de barrio no Regulamento de Participación Cidadá para que “ningún goberno municipal poida pasar por encima da vontade dos veciños”.

Comentarios

Deixar un comentario