O BNG urxe un aparcadoiro para os camións

O BNG urxe un aparcadoiro para os camións
Tamén presentaron unha moción para a retransmisión dos plenos por Internet e queixáronse polas árbores secas na Praza da Feira.

Antes de que se construira o Mercadona na Estrada, os camioneiros aparcaban o seu vehículo de traballo na Avenida de Pontevedra grazas á amplitude dos seus arcéns. Tras a reforma da rúa para darlle un acceso a dita cadea comercial, suprimiuse prácticamente por completo dita zona de estacionamento.

Así, o BNG critica que aínda non se lles atopase alternativas e que os camioneiros teñen que estacionar “por toda a vila, onde boamente poden, para manter seguro o seu medio de vida co que isto supón para a seguridade vial e as molestias para os veciños, nun urbanismo que non está preparado para vehículos destas dimensións”. O voceiro da formación nacionalista, Xoán Reices, preguntou por esta cuestión no último pleno e, a resposta do alcalde, foi calidicada de “aga, pouco concreta e sen visos de materializarse nun tempo próximo”.

Moción para retransmitir os plenos por internet

Amais, o Bloque presentou unha moción para retransmitir en directo por internet os plenos do concello. Consideran a medida de económicamente viable dado que a teñen implementado concellos con moita menos poboación que A Estrada – é o caso das Neves, con 4.000 habitantes. Esta medida, explican desde o BNG, permitiría que os cidadáns que non se poden desprazar ata o Concello poidan ver os plenos.

A moción céntrase en dous puntos: que os plenos sexan retransmitidos en directo a través dunha plataforma en liña do Concello e que se poidan ver en diferido. Os custos poderían pagarse cunha subvención de 145.000 euros preconcedida ao Concello para a súa dixitalización.

Queixas polas árbores secas na Praza da Feira

Tamén sacaron peito polas queixas que realizaron polos parterres e herbas malas na Praza da Feira e que, segundo eles, actuouse grazas a elas. Agora, agardan que se escoite a denuncia que realizaron sobre as árbores secas de dito espazo para que se muden “antes de que remate a garantía da obra da praza e as estradenses non teñamos que volver pagar por elas de novo”.

Comentarios

Deixar un comentario