Un bazar chinés da Estrada cheo de polémicas: “fan chanchullos por se che pasa algo alí”

Un bazar chinés da Estrada cheo de polémicas: “fan chanchullos por se che pasa algo alí”

Ben coñecidas por todos son as malas condicións de traballo nalgúns establecementos hosteleiros, pero non son o único lugar nos que as hai. Un dos casos atopámolo nun bazar chinés do centro da Estrada.

Unha persoa que traballou no local comentoulle a Denuncia explotación laboral A Estrada que “non me deixaban nin beber auga”. Tal e como conta, ao facer o primeiro mes traballando a xerente fíxoa firmar un papel “e non me quería deixar lelo”. Dito papel poñía que só traballara 4 días e non a tiñan dada de alta. “Queríame pagar 100€ e tivo que ir meu pai alí” para conseguir que lle pagara 500€. Engade que cando fixo a entrevista “a cousa non era así”.

“Fai eso con moita xente, incluso ten rapazas máis novas ca min ‘de proba’ 20 días e non paga.
A día de hoxe segue pagando 700€ a xornada completa ou fan chanchullos por se che pasa algo alí eles non teñan que pagar seguro e din que non te coñecen”

Extraballador do local. Vía Denuncias explotación laboral A Estrada

Outra muller que estivo alí de probas dous días comenta que só lle pagaron 20€ – 10€ por día traballado – e, tras pedir o contrato e pedir que lle dixeran as condicións e non recibir resposta, dixeron que non quedaba a traballar.

Unha extraballadora comentou que caeu dunha escaleira de tres chanzos inestable mentras colocaba floreiros na parte traseira do establecemento e, despois, despedírona e non lle prestaron primeiros auxilios e, amais, descontáronlle do soldo os tres floreiros que rompera ao caer.

Unha das primeiras traballadoras tamén se puxo en contacto con dito medio de difusión. Tal e como lles contou, traballaban 10 horas de luns a sábado e cobraban 600€, aínda que tiñan que firmar unha máis alta.

“Cando había que coller peso sempre tiña que facelo eu porque, segundo eles, era máis forte que a miña compañeira (polo meu peso)”

Extraballadora do local. Vía Denuncias explotación laboral A Estrada.

Para coller cousas do almacén, relata, tiñan que subir por unha escaleira inestable – “porque non se molestaban nin en agarrala” – ata un burato no teito. Tal e como conta a extraballadora, tiñan entre 4 e 7 días de vacacións. Tras varios meses traballando alí, comenta, “comezaron os insultos por parte del: insultábame en chino e ríase e o seu fillo facíame de traductor, chamábame porco”. Tras non renovarlle o contrato, enterouse de que non o fixeron porque “estaba moi gorda e iso restábame axilidade”.

“Anos despois”, continúa, “volveron a falar comigo para contratarme porque non atopaban a ninguén e eu aceptei porque facíanme falta os cartos. Esta vez pagábanme 700€”. Tras unha semana traballando, caeu desde unha banqueta e, a consecuencia diso, “doíame moito a espalda e chamoume esaxerada” e “tiven que agardar ata saír de traballar para ir a urxencias”. Rematou collendo a baixa e, ao ir entrgar a baixa, puxeron en entredito a súa versión. Ao mes, e estando ela aínda de baixa, dérona de baixa da empresa. Cando foi a cobrar quixeron cobrarlle menos do que lle correspondía e, tras denuncialos, déronse de conta de que estaban estafando á Seguridade Social. Este caso non chegou a xuízo porque ambas partes chegaron a un acordo, porque á denunciante “facíanme falta os cartos”.

“Por certo, outra práctica que lle gusta ao xefe é mirar nas bolsas doutros bazares que os clientes deixan no mostrador para ver que prezos teñen, de feito ao principio mandábanos a nós a eses bazares para despois dicirlle os prezos”

Extraballadora do local. Vía Denuncias explotación laboral A Estrada.

Comentarios

Deixar un comentario