Quen denunciou foi despedida
O Presidente do Consello Superior de Deportes (CSD) dicía hai uns días que estaban dispostos a que o bico sen consentimento de Rubiales a Hermoso fora o Me Too do fútbol español. Pois ben, nesta semana douse a coñecer un caso de machismo entre os árbitros de balonmán.
Todo sucedeu en maio de 2019 nunha cea tras un partido dunha fase de ascenso á División de Honra, cando un delegado da Federación Española de Balonmán, e segundo recolle o xornal La Voz de Galicia, adicoulle unhas verbas a dúas árbitras galegas.
“Non tedes a madurez suficiente, a pesar de que estades casadas, e iso nótase na pista. E, sinceramente, para vervos así e que o pasedes mal, é mellor que os vosos maridos vos preñen e adiquédesvos a outra cousa“
Exdelegado da Federación Española de Balonmán a dúas árbitras en 2019
Segundo un dos testigos, as vexacións continuaron, dicindo que “a culpa de todo non é vosa”, que “non sodes as responssbles de que esteades aquí” e que “sodes unhas tías guapas e tedes que usar as vosas armas de muller para metervos os xogadores no peto. Tedes que aproveitarvos diso”. E aínda continuou dicindo que é certo que “os xogadores compórtanse distinto con mulleres que con homes” e díxolle a unha das árbitras que “non te podes comportar na pista con esa cara de mala hostia e non che pega, que eres muller” e, á outra, que “actúa como unha sumisa, bueno, que o levas doutra maneira máis pausada”. E, non contento con todo iso e sen ser interrompido, engadiu:
“Normalmente, cando vexo partidos, pasados os primeiros 15 minutos, reláxome, pido a miña cerveciña e as miñas patacas e sácome a polla enriba da mesa para ver o partido. Pero con vós non puiden. Notábase o perigo. Non debería ter esta conversación con vós e xa me estou arrepentindo. Pero xa rematou todo e tomeime un par de botellas de viño. Non vexades como vou durmir esta noite. Subirei ao meu cuarto, cruzarei os brazos, sacareime a miña polla e a miña conciencia estará tranquila”
Exdelegado da Federación Española de Balonmán a dúas árbitras en 2019
Sanción ao delegado e a quen denunciou
Tras isto, a federación entendeu que esta conducta debería ser considerada como grave e que había que sancionalo suspendéndoo do posto entre 1 mes e 2 anos. Finalmente a suspensión foi dun ano dado que o acusado enviou unha mensaxe ás vítimas mostrando o seu arrepentimento, pero no que aseguraba non entender que as súas palabras as molestaran.
Quen denunciou foi Cristina Fernández, exárbitra internacional que nese momento formaba parte do grupo de traballo do Comité Técnico de Árbitros e do grupo responsable da arbitraxe feminina. Ao enterarse do sucedido a través das afectadas, decidiu actuar ante o que considerou unha actitude reprochable e digna de sanción, tal e como recolle La Voz de Galicia. Dito acto custoulle o seu posto de traballo, dado que a federación considerou que se perdera a confianza nela polo feito de denunciar “de forma unilateral e sen previa consulta nin ao seu responsable nin ás súas compañeiras de grupo”.

Deixar un comentario