A Audiencia de Pontevedra condenou a un home a 12 anos de prisión por un delito de violación. O acusado violara o 3 de decembro de 2021 á que naquel momento era a súa parella: unha veciña da Estrada de 23 anos. Ela, por causas axenas á causa, faleceu un ano e medio despois do suceso.
No xuízo reproduciuse o seu testemuño póstumo, que declarara ante o xulgado de instrucción. Segundo relatou a vítima, tras tomar cocaína, o denunciado quería manter relacións sexuais e ela negouse. Amais, engadiu, díxolle que quería romper a relación.
Isto enfadou ao acusado, que a colleu polos pelos e polas mans, e golpeouna contra a cama, que estaba soldada e rematou rompendo, e, despois, contra unha ventá, que tamén rompeu. Acto seguido, tirouna contra o chan, arrancoulle -rompéndoo- o pantalón do pixama, quitoulle a roupa interior e díxoche “vaste á rúa espida como a puta que eres” ou que lle ía ouriñar na boca. Tras isto, perpetrou a violación. Ela, segundo relatou, intentou defenderse pegándolle cabezazos e mordéndoo – ata o punto de que quixo arrincarlle un dedo dunha man “porque pensaba que ía morrer” – e, ao ver que non surxía efecto e que estaba chea de golpes, deixou que o home satisfacera o seu desexo sexual para que el se tranquilizara e “para intentar sobrevivir“. A vítima tamén abrira unha ventá pola que pediu socorro, pero “ninguén me escoitou”.
A muller asegurou que no inicio da relación “era todo moi bonito”, pero nun momento desa pelexa asegurou que o home púxose un coitelo no pescozo e díxolle “Isto é o que queres? Arruinarme a vida?” e, posteriormente, levouna en coche e, ao pasar por diante dun cemiterio, aseguroulle que “agora voute levar ao cemiterio, que é onde tes que estar“.
016, TELÉFONO CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA
Á hora de abordar os seus temores a poder ser asasinada, afirmou que “sei que por cincocentos euros vou estar morta“.
Pola súa banda, o acusado negou os feitos e asegurou que se producira unha discusión entre ambos e “díxenlle que se tiña que ir á súa casa” e que “simplemente agarreina por se intentaba facer unha tolemia, como cortarse as veas”. Sobre a cama rota afirmou que tirouna nela “porque empezou a romper todo”. Os insultos tildounos de “barbaridade” e insistiu en que a moza autolesionábase, que era habitual que discutiran, segundo el, polos celos dela. Amais, engadiu que era a quinta vez que a vítima, que sufría unha serie de transtornos, denunciaba algunha das súas parellas por feitos similares, aínda que ninguén na sala corroborou a versión.
Os Gardas Civís aseguraron que a falecida “estaba moi axitada, nerviosa e era moi difícil manter unha conversa coherente” e que o acusado estaba, aparentemente, tranquilo. Os forenses confirmaron que as lesións eran compatibles co relato da vítima e non coa do violador.
O acusado foi condenado a doce anos de prisión por un delito de violación con introdución de membros corporais por vía vaxinal, con actos particularmente degradantes ou vexatorios. Amais, impóñenselle cinco anos de liberdade vixiada e unha inhabilitación temporal para calquera profesión, oficio ou actividade, retribuida ou non, que implique o contacto regular e directo con menores de idade. A sentencia pódese recurrir ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.


Deixar un comentario