Para o BNG a Axenda Urbana é un “corta e pega” do Edusi

Para o BNG a Axenda Urbana é un “corta e pega” do Edusi

O BNG pronunciouse sobre o proxecto da Axenda Urbana, no que se recollen actuacións a levar a cabo no concello ata 2030. Para os nacionalistas trátase dun “corta e pega do AESS 2020″ (EDUSI) xa que foi realizado pola mesma empresa (IDOM) e, incluso, pola mesma persoa. Contan que foi ” elaborado a partir de actuacións a priori interesantes, algunhas directamente copiadas do programa do BNG, quedarán en nada e só servirán de escusa para xustificar a actuación que lle interesa ao alcalde”, que segundo contan sería a remodelación da Praza da Farola.

“As actuacións previstas nesta Axenda Urbana elaborada por IDOM para o goberno do PP suman máis de 25 millóns de euros, unha cifra desproporcionada, que figura só no papel deste proxecto, xa que a día de hoxe non hai nin un só euro de fondos asignados o noso concello para ningunha das actuacións previstas”

BNG

Critican, amais, que non estean previstas actuacións sobre o rural – xa que “A Estrada é algo máis que a rúa Calvo Sotelo”. Os nacionalistas lembran que o 80% das parroquias están sen saneamento “e desde que goberna López non se fixo ningunha actuación neste sentido”. Tamén propoñen que se leven actuacións nos espazos socio-culturais como os de Santo André de Vea, Couso, Orazo ou Ouzande porque algún dos cales “tamén poderían ser utilizados como vivendas sociais” e que se realicen melloras nos núcleos semi-urbanos (o Souto de Vea, Codeseda, Liñares etc).

No relacionado coa vila, propoñen que se realicen humanizacións nas rúas que non se corresponden co centro da vila e que se abran rúas que “axuden a baleirar de tráfico a Avenida Benito Vigo” como, por exemplo, “desde as Colonias até a Avenida de Pontevedra”.

Comentarios

Deixar un comentario