A nova sede xudicial da Estrada vai comezar as obras tras a firma da acta de replanteo. Este mércores estivo visitando a parcela na que se ubicará este edificio Diego Calvo, Vicepresidente Primeiro da Xunta de Galicia.
O PSOE lembrou que A Estrada é o último concello de Galicia en ter unificadas as súas sedes xudiciais, polo que López Bueno considera que “tanto Xunta como Goberno municipal deberían fuxir de triunfalismos e autoaplausos”, xa que “a Xunta chegará 14 anos tarde” dado que no 2010 a Xunta publicou o Plan de Infraestruturas Xudiciais 2010-2015 e, tal e como comentou o líder socialista, “A Estrada nunca foi unha prioridade a pesar de ter ao xulgado n°2 nunha sede provisional durante 13 anos”.
Para López Bueno, que A Estrada sexa o último concello en unificar as sedes é un claro reflexo da “perda de peso específico que está sufrindo A Estrada respecto do conxunto de Galicia”.
O líder socialista afeou que “a Xunta volvera incumplir coa Estrada” – Alfonso Rueda anunciara que a sede xudicial estaría en funcionamento no verán deste ano – e tilda de ridículo que non conseguira “manter o único compromiso que asumiu coa Estrada”. Tamén criticou que agora se presente un “edificio recortado que non cumpre as expectativas xeradas no 2021”, pero que non se escatime “en gastos para pantallas, infografías ou o que faga falta”.
Imaxe de portada:
Infografía da nova sede xudicial // X / Vicepresidencia Primeira da Xunta de Galicia


Deixar un comentario