Analizamos os prezos de alugueiro e venda de vivendas da Estrada e comparámolos con Lalín.
As cousas cada vez están máis caras. Iso sabémolo todos, desde ese mestre do edificio do lado a aquela ama de casa de enfrente, ao albanel e á repartidora que viven a certa distancia de ti e a quen escribe estas liñas.
E unha das cousas que está subindo de prezo é a vivenda. Si, ese dereito recollido na Constitución está cada vez máis caro. E na Estrada vemos como tamén se da este fenómeno.
Estivemos buscando ofertas e a seguir imos mostrarlle algunhas de hai un mes para que despois vostede decida se son moi caras ou non. Non imos citar onde se ubican exactamente, só se mencionará se pertencen ou non á vila.
Casas á venda na vila
Comezamos pola vila. Das primeiras ofertas que nos atopamos é a dunha vivenda de 89m2 e 3 habitacións que se vende por 45.000€. Se isto non lle convencera á hora de mercar, pode apostar por unha de 148m2, 3 habitacións, que se atopa nun 2º piso sen ascensor e hai que reformar. Non se asuste se lle digo que se vende por 75.000€.
E digo non se asuste porque estas son das máis baratas. Por 90.000€ móstrolle dúas opcións: a primeira son 294m2, ten 7 habitacións e tena que rehabilitar; a segunda son 75m2 e dúas habitacións.
Pero sabe que é o máis caro que se pode atopar á venda na vila? Pois unha vivenda de 456m2 e 4 habitacións. E agora si, non se asuste: son 380.000€.
Comparado con Lalín? Pois fíxese: o máis barato que atopamos á venda na vila é un terceiro sen ascensor, de 82m2 e dúas habitacións. Esta vivenda son 39.000€. O máis caro son 400m2 con 8 habitacións polo prezo de 325.000€.

Casas en aluguer na vila
No alugueiro o máis barato atopámolo nunha oferta dun terceiro sen ascensor, de 80m2 e con dúas habitacións: cada mes vostede tería que pagar o módico prezo de 310€. Algo similar, pero con ascensor e praza de garaxe incluída, alúgase por 415€/mes.
Se quere algo máis grande – falamos de 155m2 e catro habitacións – tería que pagar cada mes 525€.
E fíxese no seguinte caso: 140m2 e 3 habitacións por 600€ ao mes. Pero iso non é o único que destaca, pois só se aluga por semanas ou meses, nunca por anos.
Este caso é máis difícil de comparar con Lalín, pois só atopamos dúas ofertas:
- 75m2, dúas habitacións por 400€/mes.
- 120m2, catro habitacións por 450€/mes.

Casas á venda fóra da vila
Saíndonos da Estrada e visitando as nosas aldeas, o máis barato que nos atopamos é unha vivenda sita nunha parcela de 2500m2, con tres habitacións e que hai que reformar. Custa 38.000€.
Tamén a reformar – ou a tirar abaixo e volver a construír – véndese unha vivenda de 269m2 por 50.000€.
Por 300.000€ pode mercar unha vivenda de 200m2 con tres habitacións. E o máis caro que podería chegar a comprar un mortal corrente é a edificación de 718m2 e seis habitacións que se vende por 585.000€.
E digo un mortal corrente porque tamén nos atopamos coa oferta do Pazo da Mota. Este pazo son 1920m2 nos que atopamos 19 habitacións, unha capela, un hórreo, unha solaina, cuadras, un lavadoiro, un cruceiro, dous baños e varios miles de metros cadrados en fincas, e todo polo módico prezo (nótese a ironía) de 1,2 millóns de euros.
Comparémolo con Lalín: o máis barato que nos atopamos non é habitable – así o di na propia oferta – e son 184m2 por 29.900€. Así que pasemos á seguinte oferta: 272m2 e seis habitacións por 30.000€. O máis caro? 856m2 con 7 habitacións por 480.000€.

Falemos do evidente
A Estrada atópase no límite dos 20.000 habitantes. Baixar desa cifra tería graves consecuencias no concello, pois moitos dos asuntos non os levaría o Concello. A resumidas contas, o prezo da vivenda pode axudar a que a xente se anime a vir a vivir, pero resulta que Lalín gáñanos en mellor prezo do metro cadrado: en Lalín está a 925€ e, na Estrada, a 1023€ (100€ de diferenza por cada metro cadrado). É dicir, que se se toma o prezo como única variable á hora de elixir unha vivenda, A Estrada non vai gañar a poboación suficiente como para non baixar desa barreira.
Imaxe de portada:
Vivendas da Estrada // Rubén Rosende / PHDnoticias

Deixar un comentario