PSOE e BNG coinciden nunha mala xestión económica do PP
O Concello subirá un 25% o Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), pasando de estar o tipo impositivo no mínimo legal (0,4) a estar no 0,5. Veránse afectados 16.880 inmobles do casco urbano e das parroquias, incluíndo vivendasm locais comerciais e naves industriais. A gran maioría de inmobles son vivendas (11.600)
Segundo o goberno local, os estradenses pasarán de pagar 170 euros de media a pagar 210 euros, uns 40 euros máis. Deste xeito, as arcas municipais ingresarán 600.000 euros máis, pasando de 2,7 millóns de euros a 3,3 millóns.
Os bens de natureza rústica e os de características especiais manterán o tipo impositivo no 0,3 e no 1,3, respectivamente, polo que o Concello continuará ingresando menos de 200.000 euros.
Moito gasto, pouco beneficio
Esta subida vése motivada porque as arcas municipais non son capaces de facer fronte ao aumento dos custos. O presuposto de 2024 ascenderá a 17 millóns de euros e os dous primeiros capítulos (relacionados con gasros de persoal e servizos municipais) ocuparán o 89% dos gastos. En persoal pasarán de 5,2 millóns de euros en 2021 a 6,8 millóns. O servizo de recollida do lixo pasa de custar 1 millón de euros a 1,8 millóns, e a recaudación só da para pagar a metade do servizo.
Outro dos grandes gastos é o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que no 2011 custaba 400.000 euros ao ano e, na actualidade, custa 1,4 millóns. Desa cantidade, o Concello ten que pagar 540.000 euros, 60.000 as familias e, o resto, a Xunta.
PSOE e BNG coinciden nunha mala xestión económica do PP
Os dous principais partidos da oposición fixeron fincapé en que esta suba prodúcese por unha mala xestión económica do PP. O PSOE preguntouse “onde quedaría o xardín do edén das finanzas municipais que José López e Alberto Blanco proclamaban aos catro ventos durante a campaña electoral?”, mentras que desde o BNG din que ” o que se pon de manifesto é que o partido que presume de ‘xestión’ non sabe xestionar, e adícase a despilfarrar os recursos públicos dos veciños e veciñas”.
Para os socialistas é un novo “asalto” aos petos dos estradenses, tras a revalorización catastral da Lei Montoro en 2018. Segundo o seu líder, Luis López Bueno, o ingreso do Concello polo IBI pasou de 1,15 millóns de euros en 2011 aos 3,3 millóns previstos para 2024, un 200% máis, e “todo apoiado sobre as sucesivas subas que se aplicaron dende que López Campos asumira a alcaldía en 2011”, e incidiu en que os estradenses pasaron de pagar 139 euros en 2011 a 412,5 euros en 2024.
O líder socialista preguntouse “en que parte do programa electoral do PP viña a suba do IBI e por que non aplicaron esta mesma suba de cara ao exercicio 2023 se os problemas de inflación que apuntan eran exactamente os mesmos que agora”.
Tanto desde PSOE e BNG coinciden en opinar que o PP despilfarrou os cartos. López Bueno indicou que “hai provedores pendentes de cobro, os traballadores terán que percibir os atrasos dende o 2016 no exercicio 2024 e o PP dedicouse a comprar pantallas para os leiraparkings en vez de atender as cuestións importantes”.
Desde o BNG din que “fixéronse unha serie de gastos innecesarios, como a ampliación da Alameda, que supuxo para as arcas municipais un desembolso de 1.794.635 euros”, sumado ao “incremento das dedicacións exclusivas e cargos de confianza que que pasa de 250.000 a 287.000 euros ao ano”.
“Sen embargo, a pesar deste incremento das dedicacións exclusivas, desde o concello tamén anuncian a privatización da recollida do lixo e a nosa licitación do SAF. É dicir, que canto máis cobran os concelleiros e concelleiras do PP, menos responsabilidades de goberno teñen”
BNG da Estrada
2003, cando unha subida no IBI provocou un encerro no Concello
No recordo de moitos estradenses está o Nadal de 2003, cando moitos deles encerráronse na Casa do Concello. Unha revisión catastral sobrevalorara zonas do casco urbano, polo que moitas vivendas viron multiplicado o seu valor no mercado e, á vez, o que tiñan que pagar polo IBI, que estaba no mínimo legal (0,4%).
Os estradenses comezaron a protestar, pero nin alcalde – o popular Ramón Campos – nin a administración local ofreceron solucións. O 19 de decembro, alentados por un moi activo BNG, comezaron o seu encerro na Casa do Concello, na que o día de Noiteboa comeron turrón e na que en Noitevella tomaron as uvas – día que pediron que o Concello lles pagara o banquete. Os relevos foron continuos, pero en ningún momento o edificio quedaba baleiro.
Coincidindo co Día dos Santos Inocentes, “rebautizaron” a Praza da Constitución co nome de Praza da Contribución – nome co que se coñecía ao imposto -, “nomearon” unha nova corporación municipal e realizaron un pleno no que votaron deixar de pagarlle as viaxes ao alcalde e a aprobación de bonificacións no IBI, entre outros asuntos.
O BNG aseguraba que era factible declarar todo o casco urbano como zona de características especiais, facendo unha rabaixa do 75% en toda a zona. Ante a negativa do goberno – baseada en informes xurídicos – os estradenses esixiron a celebración dun pleno extraordinario.
A tensión coa corporación municipal palpábase no ambiente, e chegouse a requerir a intervención da Policía Municipal en varias ocasións.
O 12 de xaneiro de 2004 celebrouse o tan ansiado pleno. O PP mantivo que aplicar as bonificacións xeralizadas sería ilegal e o PSOE advirtiu que esa medida podería incrementar máis os valores de toda a vila. Finalmente deciciuse crear unha comisión para estudar todas as sobrevaloracións e buscarlles solucións.
Pero aínda así o atrincheiramento mantívose ata que conseguiron o compromiso de establecer correctoras xerais. O acordo materializouse e houbo un desconto xeralizado do 37,5%, que durou ata 2011, cando o recentemente electo José López Campos o suprimeu tachándoo de ilegal.
O 5 de febreiro de 2004 o atrincheiramento concluíu brindando con champán no salón de plenos.


Deixar un comentario