O sinistro produciuse nun punto habitual de accidentes no casco urbano
Unha furgoneta de reparto sufriu unha saída de vía pouco despois das 10.00h deste venres. O vehículo, que circulaba pola rúa San Paio en dirección descendente, bateu contra un muro sito varios metros despois da gasolineira Repsol. O muro foi derrubouse no punto do impacto. Segundo a condutora, que resultou ferida leve, o accidente teríase producido tras reventarlle unha roda.
Ata o lugar desprazáronse efectivos da Policía Local, Emerxencias A Estrada, Agrupación de Voluntarios de Paramá Santo André de Vea e un guindastre da Estrada.
Punto negro
A zona do accidente, pertencente á estrada PO -841, é un punto habitual de sinistros, principalmente, en días de choiva, como o de hoxe. É unha zona na que os vehículos que circulan en dirección descendente circulan a gran velocidade – moitas veces superando o límite establecido – e, no momento no que chegan ás curvas, vense obrigados a frear bruscamente.
En agosto deste mesmo ano, outra furgoneta levou por diante parte do valado do patio dianteiro da casa García Lorenzo, sita na curva anterior á que se produciu este último accidente. E nese mesmo punto os accidentes levan anos sucedéndose un detrás do outro.
Relacionado
No pasado xa se tomaron medidas, como a instalación de semáforos no cruce coa rúa Gradín ou a eliminación do pulido do asfalto, para que así os vehículos puideran gañar adherencia.
Pero aínda así, os veciños piden que se tomen máis medidas, como a colocación de firme antideslizante ou a colocación de elementos que eviten que os vehículos suban á beirarrúa para así evitar que calquera día se produza unha traxedia nunha zona cada vez máis concorrida polos estradenses que van camiñar.
Imaxe de portada:
Vehículo sinistrado. Á esquerda da imaxe pode apreciarse o muro derrubado. // Agrupación de Voluntarios de Paramá Santo André de Vea


Deixar un comentario