O PSOE anuncia que intentará que a Xunta tome medidas ante a alta sinistralidade da PO-841

O PSOE anuncia que intentará que a Xunta tome medidas ante a alta sinistralidade da PO-841

No último mes producíronse tres accidentes con feridos no vial

Luis López Bueno, líder do PSOE da Estrada, anunciou que que intentarán que “a Xunta inclúa no orzamento 2024 un estudo de seguridade e recursos para executar melloras” na PO-841, o vial que vai da Estrada a Santiago de Compostela.

Segundo contou, nos vindeiros días presentarán un escrito ante a Axencia Galega de Infraestruturas pola alta sinistralidade do vial. Segundo o socialista, no último ano producíronse “cando menos dez accidentes con feridos”.

Os tramos máis conflitivos, indicou o socialista, son o tramo urbano, na zona da gasolineira Repsol; a incorporación ao polígono de Toedo, a recta de Baloira e o cruce coa PO-182, o cruce do Centro de Saúde de Santa Cristina de Vea, o cruce coa EP-7007 e a recta que o sigue, que ten un gran número de cruces.

López Bueno comentou que as tarefas de desbroce habitúan a chegar tarde e, moitas veces, a auga das cunetas remata cruzando o vial.

Algunha medida que propón o líder socialista para a mellora da seguridade son a renovación e ampliación do tratamento antideslizante aplicado en varios puntos do vial e o pintado de sinalización en Couso para mellorar a seguridade dos cruces.

Entre accidentes múltiples e muros derrubados

O certo é que desde este medio tivemos que cubir varias novas por sinistros en dito vial de titularidade autonómica: no tramo urbano varios vehículos derrubaron en numerosas ocasións o muro dunha vivenda e, o pasado 27 de outubro, unha furgoneta de reparto derrubaba outro, sempre coa sorte de que non transitaban outros vehículos ou viandantes pola zona.

Ao día seguinte, unha muller resultaba ferida ao envorcar en Santa Cristina de Vea e, o 1 de novembro, producíase un accidente múltiple en Couso.


Imaxe de portada:
Accidente múltiple en Couso (1 de novembro) // Agrupación de Voluntarios de Paramá Santo Andrés de Vea

Comentarios

Deixar un comentario