O programa da TVG Xente Marabillosa emitiu na noite deste mércores un programa rodado na Estrada. As cámaras ocultas do programa desprazáronse ata A Lacena de Chucha, un local hosteleiro sito en pleno corazón da vila, para simular unha estafa a unha muller. Dita estafa consistía en que un home, que dicía ser da compañía da luz, achegábase a unha muller de avanzada idade que estaba consumindo na terraza do local para comunicarlle que se detectaron supostas irregularidades na factura da luz, polo que tiña que aboarlle no momento 300 euros para que non lle abriran un expediente.
Varias das persoas que caeron na cámara oculta insistíronlle á muller en que non pagara e tamén se ofreceron a acompañala á oficina da compañía da luz. Tras ofrecerlle iso, o estafador dicíalle á muller que, se o facía, abriríanlle un expediente e tería que pagar 600 euros, algo que era inasumible para a anciá.
Destacaron as actuacións de Anaí Castro e Olalla Otero, que viron que estaban intentando timar á muller e actuaron para defendela. Pode ver os momentos nos vídeos que atopará debaixo destas liñas.
Imaxe de portada:
Captura de pantalla do programa Xente Marabillosa, con Anaí Castro defendendo á muller // Televisión de Galicia

Deixar un comentario