O PSOE estradense presentou unha solicitude no departamento de Urbanismo no que solicita as melloras dalgunhas deficiencias nos aparcadoiros da Estrada. Román Suárez, voceiro de Urbanismo da formación, indicou que estas melloras son necesarias para que a Policía Local poida actuar en casos como o que se deu hai varios días no de Figueiroa, no que un vehículo mal estacionado bloqueaba a entrada do aparcadoiro e os axentes non puideron actuar debido á falta de sinalización do espazo.
Os días máis problemáticos son os de feira polo que Suárez cre que regulando o uso e instalando paneis informativos das prazas de aparcamento que manexa o departamento de Urbanismo poderíase reducir o problema.
“Varios aparcamentos contan cun convenio de cesión de uso, e como bens de uso municipal existe capacidade para regular”
Román Suárez, voceiro de Urbanismo do PSOE da Estrada
Tamén instou á reparación do firme de varios aparcadoiros porque atópanse nun “escenario de guerra” e precisan de solucións inmediatas, e lembrou que se algún particular sufre danos no seu vehículo por este motivo, pode reclamar ao Concello. Por iso, considera que, dada a situación económica das arcas municipais, o Concello non está “para asumir máis gastos, e menos por falta de coidado das poucas cousas que temos”.
Amais, solicitou o pintado das prazas nas zonas de aparcamento que o firme o permite e que se realicen desbroces para dar unha imaxe de salubridade “como correspondería a unha vila como A Estrada”. Por último, tamén comentou que as pantallas “funcionan rematadamente mal” e que xa caeron “en desuso en tan só seis meses”.
Goteiras e humidades en edificios públicos
Román Suárez tamén comentou que os edificios públicos están mal conservados, con goteiras e humidades na Casa da Música, na Casa das Letras, no Novo Mercado ou na Base de Emerxencias en Toedo. No caso do Novo Mercado, criticou que “o PP recepcionouno a medio rematar mentres chovía dentro” e, no da Casa das Letras, que o problema reside en que “a ninguén se lle ocorreu limpar as canalizacións pluviais do tellado”.
O socialista manifestou a necesidade de crear un Plan de Mantemento de Infraestruturas para non ter que asumir “reparacións de decenas de milleiros de euros”.
Imaxe de portada:
Estado do aparcadoiro de Correos // Rubén Rosende / PHDnoticias

Deixar un comentario