A Asociación Cultural Vagalumes organizou para o próximo luns 27 e martes 28 a VI Mostra de Teatro Escolar Olimpio Arca Caldas. Este acto realizaráse para conmemorar o nacemento deste escritor cuntense. As obras representaránse no Teatro Principal a partir das 18.30h e a entrada é libre e gratuíta.
O luns representaráse as obras Sobrevoando A Estrada, do CEIP do Foxo; O tupé non era tal, do CEIP Villar Paramá e baseada no libro/conto A voda do galo Pinto de Juan A. Belmontes e Natalie Pudalov; Dez vagalumes, de Xoán Babarro e que representará o alumnado do CEIP Pérez Viondi; e unha adaptación do IES Antón Losada Diéguez do relato Eu tamén fixen ouigha co espírito de Castelao de Séchu Sende.
O martes será o turno do CEIP Figueiroa con A propósito dos bicos, do CEIP Cabada Vázquez con Xuntos podemos, do CEIP Oca coa obra A viaxe de farrapos de Carlos Labraña, e do IES Nº1 con Mundo refugallo, unha adpatación das obras Somos os monstros e O refugallo de Paula Carballeira.
“Sen dúbida, o teatro na escola é unha actividade moi importante para o desenvolvemento persoal e emocional do alumnado, idóneo para mellorar a capacidade comunicativa, para fomentar actitudes solidarias e de traballo cooperativo, para incrementar a creatividade e o sentido estético, para mellorar a integración no grupo e ao mesmo tempo avanzar na autonomía persoal”
AC Vagalumes
A Asociación Cultural Vagalumes anima á veciñanza a asistir a estas xornadas nas que rapaces, rapazas e mestres adicaron moito esforzo e dedicación.
Imaxe de portada:
Cartaz da VI Mostra de Teatro Escolar Olimpio Arcas Caldas // AC Vagalumes


Deixar un comentario