López Bueno sospeita que pode haber amaños na reforma da Farola

López Bueno sospeita que pode haber amaños na reforma da Farola

Incidiu no “limitadísimo” prazo para presentar os proxectos.

Tamén manifestou a súa preocupación pola posible desaparición da farola.

Luis López Bueno, líder do PSOE da Estrada, manifestou a súa preocupación polo proxecto de reforma da Farola. Un dos elementos que lle preocupa é que se poida rematar retirando a farola que lle dá nome, de xeito popular e non oficial, ao lugar e que é “un dos pouquísimos elementos emblemáticos que nos quedan na Estrada”.

Segundo o socialista, o PP “é unha máquina de eliminar elementos que forxaron a identidade da Estrada como vila”, como “a fonte na praza do Concello e a reforma da alameda, que acabou coa fonte, coa pérgola e cun entorno axardinado para convertelo nun mar de cemento cun pequeno charco que sempre está cheo de follas e suciedade”.

Tamén considera que “se deben respectar os elementos quenos identificaron historicamente como vila, non deben responder á ansia de obras faraónicas e mausoleos do alcalde”, e remítese á proposta que realizaron os socialistas durante a campaña electoral.

As sospeitas do PSOE

López Bueno manifestou o seu “pánico absoluto” polo xurado. Lembrou que no proxecto da Praza da Feira participaron o alcalde e o concelleiro de urbanismo, que “ata onde eu sei non son arquitectos, nin deseñadores, nin expertos en mobilidade ou construción nin nada que se lle pareza”.

O líder dos socialistas cre que no xurado “han primar os criterios políticos por riba dos técnicos”, polo que espera que conserven a farola e “non acaben co pouco patrimonio que nos queda”.

Amais, incidiu no “limitadísimo” prazo que teñen as empresas para presentar os seus proxectos (15 días que rematan o 29 de novembro, moito menos comparado cos 8 meses do proxecto da Praza da Feira), e non o ve razoable cando teñen que “resolver a mobilidade en vehículos, establecer zonas de carga e descarga, e facer un deseño da nova praza”.

“Non quero ser mal pensado, pero habemos ver quen se presenta e que proposta escolle ese xurado

Luis López Bueno, líder do PSOE da Estrada

López Bueno considera “moi sospeitoso” que o prazo sexa “tan exiguo” e comentou que “habemos ver quen se presenta e que proposta escolle ese xurado”.

Para o socialista, nos últimos días estánse sucedendo unhas “estranas casualidades”, como que “na primeira edición do Premio Reimóndez Portela de Xornalismo que organiza o Concello casualmente se premie a un arquitecto que escribiu sobre as bondades dunha praza de terra que houbo que reformar despois de rematala”.


Imaxe de portada:
Imaxe de arquivo da Farola // PHDnoticias – O Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario