O PSOE estradense solicitou no Concello a convocatoria da Comisión Informativa de Organización empregando o artigo 134.1 do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais.
O seu líder, Luis López Bueno, cre que é a única vía posible para poder discutir “canto antes” a moción presentada polos socialistas hai un mes para que os cidadáns poidan elixir os alcaldes de barrio.
“Para nós é fundamental que os veciños e veciñas poidan escoller representantes”
“É un sistema que convence a todos e lexitima aos alcaldes e alcaldesas diante dos veciños e veciñas”
Luis López Bueno, líder do PSOE da Estrada
Comentou que o PSOE ofreceuse a manter unha reunión informal cos grupos políticos e “as únicas persoas que non quixeron reunirse foron José López e Alberto Blanco”, e lamentou que os concelleiros do PP “teñan unha visión tan pequena e excluínte” da política municipal que “nin sequera queiran sentar a falar cos veciños e veciñas que pensamos distinto”.
O socialista considera que o PP “tivo tempo de sobra para fixar unha posición política sobre o asunto” e que intentan retrasar o debate. Amais, valora que “o PP vive no medio dun caos organizativo e de conflitos persoais entre os seus concelleiros e concelleiras” e pide que non atrasen o traballo que realizan desde a oposición, onde “intentamos facer as cousas con algo de xeito”.
Imaxe de portada:
Concello da Estrada // Arquivo PHDnoticias – O Xornal da Estrada


Deixar un comentario