Recollida de sinaturas por un aumento dos contidos infantís en galego

Recollida de sinaturas por un aumento dos contidos infantís en galego

Este sábado ás 11.30h haberá unha recollida de sinaturas pola iniciativa Xabarín na Praza da Farola. Dita iniciativa pide que as televisións públicas (TVG e TVE) aumenten os contidos que se emiten en galego. No caso de TVE pídese que emita os seus contidos infantís coa opción de poder velos dobrados ao galego e, no da TVG, que se promocionen as canles dixitais do Xabarín e que se distribuia a través dos paquetes básicos das operadoras de televisión por fibra óptica, satélite, adsl e tecnoloxía móbil.

Esta iniciativa fora promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística e, co apoio de 33000 sinaturas, debateuse no Parlamento galego en maio de 2021. Na actualidade, denuncian, os catro puntos acordados no debate, continúan sen cumprir.

Nas seguintes liñas pode ler os puntos acordados:

Acordo da Iniciativa Xabarín que saiu do Parlamento galego
  1. Que a Corporación de Radio Televisión de Galicia aumente a oferta en galego destinada á infancia e mocidade a través do reforzo e a promoción das catro canles dixitais Xabarín coas que conta a CRTVG. O sinal destas canles sería distribuído a través dos paquetes básicos das operadoras de televisión por fibra óptica, satélite, adsl e tecnoloxía móbil, con programación dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñible en todos os dispositivos e plataformas de contidos audiovisuais, así como aplicacións actualizadas que conten ademais con programas e xogos co fin de garantir nesta canle en galego a presenza de contidos atractivos, de éxito, actuais e pasados, así como contidos educativos e de produción galega.
  2. Reclamar do Goberno de España que, dentro do marco das súas competencias, promova as medidas precisas para que a Corporación de Radio Televisión Española emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego, nomeadamente na programación da canle específica infantil e xuvenil e nos contidos da súa aplicación.
  3. Instar o Goberno español a impulsar o cumprimento do contido dos artigos do Anteproxecto de lei xeral de comunicación audiovisual onde se recolle a pluralidade lingüística como principio básico, e que a nova lei recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda.
  4. Así mesmo, o Parlamento insta o Goberno galego a chegar a acordos con outras administracións e empresas co fin de garantir a opción dobrada e lexendada a galego en todas as plataformas dixitais de televisión, así como a impulsar o avance das accións necesarias para a recepción mutua TVG-RTP en Galiza e Portugal, segundo o recollido na Carta Europea de Linguas Rexionais ou minoritarias, tendo en conta as súas condicionantes técnicas e económicas para o tecido produtivo e publicitario, e da simetría no alcance de audiencias.

Imaxe de portada:
Cartaz da recollida de sinaturas // AC Vagalumes

Comentarios

Deixar un comentario