Sortearánse premios por un valor de máis de 20.000€
Na mañá deste venres o Concello e a ACOE anunciaron a programación para este Nadal na vila. Esta terá actividades culturais case todos os días e engade como incentivo os premios que se van sortear. Os actos comezarán o 19 de decembro coa V Gala do Deporte e rematará o 5 de xaneiro coa Cabalgata de Reis, aínda que as luces está previsto que se encendan o vindeiro martes 5 ás 18.30h.
O mércores 20 terá lugar o Concerto de Nadal da escola da banda no Teatro. Dous días despois celebraráse o concerto do Obradoiro Carlos Barruso no mesmo lugar e Brassica Rapa animará as rúas do centro. O 23 de decembro terá lugar o último Concerto de Nadal: o da Coral Polifónica Estradense. Amais, Os Piñeiriños animarán as rúas máis céntricas. O día de Noiteboa, Papá Noel recorrerá as rúas da vila na cabalgata que dará inicio ás 18.00h.
O 26 presentaráse a Miscelánea e actuará De Cotío Gaiteiros. Ao día seguinte, actuará Moa Quinteto e representaráse a obra Os tres porquiños, de Educa Teatro. Na xornada dos Santos Inocentes será o turno de Flipa co Nadal, de Bandullo Azul, e Ce Orquestra Pantasma.
O 29 de decembro terán lugar as actividades O dentista, de Troula animación, e O Apalpador, de Os Monifantes. O 30 poderemos atoparnos con Fanfarria Taquikardia polas rúas da vila e, o último día do ano, terán lugar a San Silveira BTT e a San Silvestre.
No segundo día do 2024 poderáse desfrutar con Galega de Bailables e co Cuento de Navidad. O día 3 haberá un obradoiro de música tradicional e, o seguinte, poderáse desfrutar dos Paxes Reais de Troula Animación e da Fartura de Nadal de Rilo&Penadique. Para finalizar os festexos, o 5 de xaneiro ás 18.00h os Reis Magos percorrerán as rúas na tradicional cabalgata.
Máis de 20.000 euros en premios
Jorge Fuentes, secretario da ACOE, sinalou que, grazas a “unha aportación extraordinaria” do Concello á ACOE, repartiránse máis de 20.000 euros en premios. Os premios que se sortearán son un Audi A1 seminovo – que permanecerá exposto diante do Concello -, unha viaxe valorada en 1000 euros, unha escoba aspiradora con autovaciado, un iPhone 14, un portátil gaming, unha Nintendo Switch, un carro da compra valorado en 300 euros, unha tarxeta de combustible valorada en 300 euros e dúas cestas de Nadal valoradas en 600 euros cada unha.
Para poder participar hai que enviar por WhatsApp unha imaxe lexible do ticket. Nel ten que verse o nome do local (pertencente á ACOE), o importe – que ten que ser superior a 20 euros – e a data de compra.
Amais, vaise habilitar unha luditeca no segundo andar do Novo Mercado e un parque de Nadal na Alameda, nos que se poderá obter un desconto no prezo da entrada presentando os recibos das compras.
Imaxe de portada:
Presentación da campaña de Nadal do Concello // Concello da Estrada


Deixar un comentario