Os estradenses levan tres décadas agardando pola variante da N-640. Un vial necesario para quitar o tráfico pesado da principal avenida do concello, na que nas horas puntas conflúen os que se dirixen a traballar, os que levan aos seus fillos aos diferentes centros educativos que se atopan nas proximidades desta e todos os que teñen que pasar polo centro da vila para ir dirección Lalín ou Cuntis.
A iso sumémoslle que, cando os días acurtan, o sol ao saír e ao pórse cega aos condutores, creando o caldo de cultivo para os accidentes que, cada certo tempo, prodúcense en dita avenida.
A eses accidentes apuntou esta tarde Néstor Rego, Deputado do BNG no Congreso. Rego mostrou o interés dos nacionalistas en ” arrincar o compromiso do novo executivo para actuar no tramo de concentración de accidentes na N-640″.
Amais, anunciou que ao longo do 2024 vaise iniciar a redacción dos proxectos da variante, “para comezar a execución antes de que remate a lexislatura”. Rego lembrou que tanto PP como PSOE intentaron, sen éxito, levar a cabo esta variante no pasado e comentou que é un “compromiso histórico que adquirimos porque entendemos que é unha infraestrutura chave para o concello da Estrada”.
“Iniciarase no ano 2024 a redacción dos proxectos da variante da Estrada, para comezar a execución antes de que remate a lexislatura”
Néstor Rego, Deputado do BNG no Congreso
Na rolda de prensa tamén estiveron presentes os dous concelleiros do BNG na Estrada: Xoán Reices e Vanesa Iglesias. Estes destacaron o papel do Bloque nas negociacións da investidura e sinalaron que “un deputado e unha senadora do BNG conseguen máis para Galiza que os 13 deputados e deputadas e 14 senadores e senadoras do Partido Popular”.
Imaxe de portada:
Vanesa Iglesias, Xoán Reices e Néstor Rego na rolda de prensa // BNG

Deixar un comentario