Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, visitou o CEIP Pérez Viondi na mañá deste sábado para dar conta das obras que se van realizar en tres centros educativos do concello.
A inversión máis importante recaerá no CEIP Pérez Viondi, onde se destinará un millón de euros á renovación da cuberta, falsos teitos, ventás, luminarias e na sala de caldeiras. “A previsión é que o proxecto estea rematado e supervisado no segundo trimestre de 2024, e a licitación da obra tamén nesas mesmas datas”, comentou.
Esta actuación súmase “aos 2 millóns de euros que xa temos investido desde 2009 neste colexio en obras como a ampliación realizada hai unha década”. A directora do centro, Mabel Porto, indicou que estiveron pelexando por estas obras durante “tres anos”.
Rodríguez aproveitou esta visita para anunciar obras noutros centros do concello: no colexio do Foxo invertiránse 330.000 euros na mellora de falsos teitos e luminarias e, no IES Manuel García Barros, construiráse un ascensor, unha vella reclamación da comunidade educativa do centro debido a que a maioría das clases atópanse nas plantas superiores e, en certas ocasións, teñen que cambiar a organización das clases debido á lesión dalgún alumno.
Imaxe de portada:
Amalia Goldar, concelleira de Educación, José López, alcalde da Estrada, e Román Rodríguez na visita ao Pérez Viondi // Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades

Deixar un comentario