Considera que isto débese ao “caos organizativo” do goberno municipal
Luis López Bueno, líder do PSOE da Estrada, mostrouse “preocupado” pola ausencia de presupostos e das licitacións do SAF e da recollida do lixo e avisa que non van chegar antes do 2024, converténdose nun “novo incumprimento” dos deberes que se puxo o propio PP.
A causa disto, comenta López Bueno, é a ausencia “dun goberno serio” e valora como “un caos organizativo” a situación do executivo local, que é “incapaz de cumprir ningún dos seus compromisos”. Exemplificou a situación cos presupostos do 2024, cuxo inicio dos trámites foi “anunciado aos grupos políticos para as primeiras semanas de novembro e xa pasou un mes sen que se saiba nada”.
O socialista indicou que ten a sensación de que “as novas licitacións danse para ter contratos en vigor, pero non serán unha medida de aforro como dixo o PP para xustificar a suba do IBI, que serán máis caros do que se paga agora.
Amais, o líder dos socialistas anunciou que lle pedirá ao PP que “faga consultas no mercado para avaliar ben a situación e non favorecer ofertas de empresas pirata que traian un prezo por baixo de mercado para desatender despois os servizos”.
Tamén considera que o executivo local debería “traballar un pouco máis e viaxar menos a Arxentina” porque “os provedores do Concello levan meses sen cobrar”.


Deixar un comentario