Luis López Bueno, líder do PSOE estradense, respondeu ás declaracións do alcalde, José López Campos, nas que afirmou que non se aumentarán as taxas municipais.
Segundo López Bueno, a Dirección Xeral de Política Financieira e Tesouro da Xunta de Galicia requeriulle á corporación municipal un informe sobre a situación económica das arcas municipais e, na documentación enviada, figura unha “medida de estudo para a actualización e modificación das ordenanzas reguladoras de taxas”.
O líder dos socialistas estradenses advertiu de que o alcalde estaría mentindo, “igual que fixo coa suba do IBI e coa débeda” e dá por seguro que, nos vindeiros anos, o Concello subirá as taxas municipais, que “van aumentar moito”.
“Cando falamos da débeda e da situación económica xeral, José López e Alberto Blanco [concelleiro de Facenda] dicían que todo era fantástico e xa estamos vendo que non era así”.
Luis López Bueno, líder do PSOE da Estrada
O socialista tamén aproveitou para responder ás acusacións do alcalde. López Campos reprochoulle ao socialista o voto en contra á solicitude dun préstamo de 3 millóns de euros para empregalo como “operación ponte para salvar a débeda do Goberno do PSOE”.
“Hai facturas que se van a recoñecer e que necesitan a liquidez do Ministerio. Eles fan o problema e despois critican as súas consecuencias”
José López Campos, alcalde da Estrada, en resposta a Luis López Bueno
López Bueno respondeulle ao alcalde afirmando que, a débeda que o mandatario sostén que ten o Goberno coa corporacion municipal, “é responsabilidade únicamente da mala xestión que fixeron dos fondos IDAE”. Ademais, recomendoulle que fale con Concellos que xa os cobraron para que vexa “que neses concellos non tiveron que reiniciar a licitación, nin pediron prórrogas nin xustificaron tarde”.
Tamén volveu xustificar o voto en contra indicando que é un “enredo” no que se meteu o PP e que “non podemos avaliar esta xestión económica”. “Non fixeron caso das advertencias e tampouco nos pediron opinión sobre o despilfarro que fixeron estes meses”.
Por último, recomendoulle que pense menos na postura dos socialistas e “se preocupe máis de que os seus concelleiros se poñan a traballar e lle paguen aos provedores, que son os que están sufrindo a ineptitude do goberno municipal”.

Deixar un comentario