E se o Concello construira a súa propia variante?

E se o Concello construira a súa propia variante?

Famosa é a preguiza que debe de ter a variante da N-640 para construirse. 20 anos desde que apareceu no Boletín Oficial do Estado (BOE) e uns poucos mais desde que se comezou a falar da súa necesidade. E aínda así, non se moveu nin un centímetro de terra.

Pero dela xa falaremos noutra reportaxe (unha que non se prevé curta). Hoxe imos falar doutra hipótese: unha variante urbana. E para falar dela non nos imos inventar nada, xa que aparece no PXOM.

E esta posible variante ten dúas variantes á súa vez e, algún vial que sería necesario construir a máis dun soarálle, pois xa se falaba del antes da creación do PXOM.

3 quilómetros cheos de semáforos

Antes de poñernos a falar das variantes, falemos do problema. A N-640 pasa pola Estrada e o seu tramo urbano comprende as avenidas de Pontevedra e Benito Vigo. Son 2,6 quilómetros (contando desde a rotonda do Mercadona ata a rotonda das Colonias) nos que hai seis semáforos (un deles instalouse porque o pediu o Ministerio para aprobar o plan de construción do Mercadona pero nunca se activou).

A N-640 serve de nexo entre as terras da Arousa, Deza e Lugo e, ao seu paso, atópase con importantes polígonos industriais. Os camións das empresas deses polígonos teñen que pasar pola Estrada para poder ir do Deza á Arousa, e viceversa.

A isto sumémoslle que o centro de saúde ten acceso desde este vial e varios centros educativos sitúanse nas proximidades deste.

Con estes datos o primeiro que podemos deducir é que circular pola N-640 en hora punta é un caos. Pero iso non é todo.

Durante varios meses do ano o sol cega aos condutores no amencer e no atardecer e, se lle sumamos a mala visibilidade nalgúns pasos de peóns, o risco de que se produza un atropelo aumentan.

Variante 1: de rotonda en rotonda e xiro porque me toca

Vale, acabo de lucirme modificando a famosa frase do xogo da oca, pero representa moi ben este caso xa que comeza e remata nunha rotonda e ten outra intermedia.

A variante comezaría cun vial de nova construción que comezaría na rotonda do Mercadona, seguiría polas rúas Antón Losada Diéguez, Gradín e 25 de xullo, continuaría por outro vial de nova construción que conectaría coa Rúa do Muíño. Esta rúa ampliaríase e remataría na Avenida Fernando Conde poucos metros antes da rotonda das Colonias, onde finalizaría este percorrido alternativo, que ten unha lonxitude duns 3 quilómetros.

Variante 2: bordeando Ouzande

A segunda hipotética variante urbana é máis curta e bordearía Ouzande. Esta tamén sairía da rotonda do Mercadona, pero remataría nas proximidades do Ambulatorio.

Desde a citada rotonda crearíase unha nova rúa que remataría nun cruce coa Travesía de Penerada, pola que seguiriamos. Ao chegar ao cruce con Manuel de la Calle, seguiriamos recto por unha rúa de nova construción, que tería cruces con Decoita e a continuación de Bouza Brey, para continuar pegada ao CEIP Pérez Viondi e rematar nunha rotonda na que se unirían a Rúa Pérez Viondi, a Estrada Ouzande – A Somoza e este novo vial.

Nesta rotonda continuariamos por outra rúa de nova construción que nos levaría ata a Rúa do Matadoiro. A través desta rúa continuariamos ata o cruce coa Avenida Benito Vigo.

Como xa dixemos, esta variante é máis curta que a anterior. Neste caso sería de entre 1,5 e 2 quilómetros.

Unha posible solución?

Quizais estas variantes poidan servir como forma de aliviar o tráfico da N-640 no seu tramo urbano, pero tampouco llo podo asegurar, pois non son un experto na materia.

Aínda así, na actualidade gran parte da primeira variante mostrada xa está construída, polo que poderíase empregar cando se teña que dirixir un a algunha zona do lado norte do vial de tituladidade nacional.


Imaxe de portada:
Imaxe de satélite da Estrada. En amarelo, o tramo urbano da N-640. // O Xornal da Estrada / Google Maps

Comentarios

Unha resposta a “E se o Concello construira a súa propia variante?”

  1. Avatar de Unha curiosa carta por Nadal – O Xornal da Estrada

    […] Para comezar, quero pedirvos avances na variante da N-640, que como dixeron no Xornal da Estrada, “Famosa é a preguiza que debe de ter para construirse” e, con tanto tráfico, máis dun xa foi atropelado mentras cruzaba. Así é que escoitei a varias […]

    Gústame

Deixar un comentario