O Atletismo A Estrada tivo unha fin de semana de dobre competición: o sábado 18 dos seus atletas participaron no Campionato Provincial Escolar de Campo a Través e, tanto o sábado como o domingo, trasladáronse a Ourense para competir nos controis de marcas organizados pola Federación Galega de Atletismo.
Foi neste último onde se viron os mellores resultados. En 60ml, Arauia Al Bachere quedaba 2ª á vez que batía a súa marca persoal cun tempo de 8.01 segundos. Na categoría sub16, Carla Pintor vencía na súa serie e fixo marca persoal con 8.40 segundos. Tamén melloraron a súa marca persoal a sub18 Lía Vázquez (8.94) e os sub16 Xurxo Vázquez (9.11) e Antón Vázquez (9.45).
En 400ml, Arauia Al Bachere impúxose desde o inicio da proba, marcando un crono final de 59.44 segundos, sendo a primeira vez que baixa do minuto no inicio da tempada de pista cuberta.
Carla Pintor enfrontábase por primeira vez aos 300ml e fíxoo da mellor forma posible: quedou de primeira parando o crono nos 44.89 segundos. Xurxo e Antón Vázquez pararon o seu crono en 52.46 segundos.
Antón tamén se enfrontou ao triplo salto, aínda que estaba falto de forzas debido a que estivo enfermo recentemente. O seu mellor salto foi de 8,77 metros.
Nos 60 metros valos, a sub20 Eva Gil fixo un tempo de 10.50 segundos. Arauia Al bachere fíxose coa victoria na súa categoría, parando o crono nos 10.56 segundos e, Lía Vázquez, mellorou a súa marca persoal, deixándoa nos 10.67 segundos.
Noa Barros clasifícase para o Autonómico de campo a través
No Provincial Escolar de Campo a Través, Noa Barros foi a única do clube estradense que conseguiu clasificarse para o Campionato de Galicia Escolar, que se celebrará o 13 de xaneiro en Ribadavia. Barros conseguiu o pase quedando 13ª na xeral.
No mesmo circuito de 2,5km, Iago Mosquera e Nico Lorenzo non conseguiron clasificar, quedando 20º e 28º, respectivamente. Na categoría sub14, sobre un circuito de 2km, competiron Lara García, Emma Fernández, Noa Rey, Brais Rey, Mateo Marque e Boel Rivadulla.
Nun circuito de 1,5km competiron os sub12 María Pose, Marcos Constenla, Martiño Vázquez, Alexandre Uzal, Mauro Carro e Antón Vilariño. En sub10, Sofía Marque e Martín Poncelas desfrutaron da xornada de promoción e aprendizaxe do programa XOGADE.
Imaxe de portada:
Arauia Al Bachere, Lía Vázquez e Carla Pintor en Ourense (esquerda) e Noa Barros no Provincial de campo a través (dereita) // Atletismo A Estrada / collage do Xornal da Estrada

Deixar un comentario