Na tardiña deste martes celebrouse no Teatro Principal a V Gala do Deporte, na que se galardoou aos mellores deportistas estradenses deste 2023, e na que destacaron os deportes de raqueta. Nas seguintes liñas reasaremos todos os premios por orde de entrega.
David Vázquez, automobilista, foi recoñecido como o mellor deportista estradense do ano, grazas á súa vitoria no Campionato Galego de Rallyes sendo o copiloto de Victor Senra, converténdose no seu sexto campionato gañado e igualando a Estrella Castrillón como o copiloto con máis títulos nun autonómico.
Despois foi turno da mellor deportista, título que lle correspondeu a Raquel Miguens, campioa de España sénior en categoría individual feminina de bádminton.
O seguinte galardoado foi Samuel Tato, do Judo Club Base, quen recibiu o premio a mellor deportista masculino sub18. O feito de ser Campión Galego e Subcampión de España na categoría Cadete -60kg, chegar á Fase Final do Campionato de España Junior Sub21, de competir na European Cadet Cup de Coímbra e de levar o bronce no Campionato de España Junior Sub21 levárono a recibir este premio.
Iziar Barcala, do Club Bádminton A Estrada, recibiu o premio a mellor deportista feminina sub18 e foi posible grazas aos seus ouros nos Campionatos de España Sub17 e Sub19, á prata conseguida no Campionato de España de Seleccións autonómicas, a que chegou aos cuartos de final no internacional de Bélxica, á súa participación no Campionato de Europa Sub17 e a que estaba no número 1 da Clasificación nacional Sub17.
Seguindo co deportista revelación, o premio recaeu en Joel Castro, do Loita A cambadela, grazas ao seu ouro e ao seu bronce no Campionato Galego Sub15, ao ouro conseguido no Campionato de España Sub17, á prata acadada no Torneo Nacional “Villa de Madrid” e ao cuarto posto no Campionato Internacional de jóvenes promesas sub17.
O mellor club deste 2023 foi o Club Tenis RC, grazas aos ascensos, campionatos e subcampionatos acadados nas diferentes categorías. O Club Tenis de Mesa Top Spin foi galardoado como mellor club de base 2023.
O mellor equipo foi o CNS cadete masculino, grazas ás actuacións de Nicolás Baños, Andrés Carballeda, Iker Gómez e Leonel Marín. O mellor evento foi o Campionato Galego de Ximnasia de Trampolín organizado polo Club Ximnasia A Estrada e no que participaron ximnastas mundialistas.
Miguel Sánchez, do Club Tenis RC, foi recoñecido como o mellor adestrador do ano. Tamén se galardoou ao Grupo Habita Servicios/Inversia Insurance polo seu apoio ao deporte.
As mencións honoríficas recaeron en Toño Rivas, Uxía Rodríguez, Aixa Otero e Adrián Gañete e, o premio traxectoria, en Juan José Cota.
Imaxe de portada:
Galardoados na V Gala do Deporte // A Estrada Deporte


Deixar un comentario