Queridos Papá Noel, Apalpador e Reis Magos:
Vouvos pedir varias cousas que quizais é mellor pedirllo a algunha estrela fugaz. Quizais pódevos resultar curioso algunha desas peticións, pero todas teñen a súa xustificación.
1- Para comezar, quero pedirvos avances na variante da N-640, que como dixeron no Xornal da Estrada, “Famosa é a preguiza que debe de ter para construirse” e, con tanto tráfico, máis dun xa foi atropelado mentras cruzaba. Así é que escoitei a varias persoas dicir que teñen medo á hora de cruzala.
Comeza forte este rapaz. Pero resumamos un pouco a situación deste vial: 30 anos de gobernos de PP e PSOE son os que o proxecto veu pasar sen que se construira algo.
Cando se tiña deseñado o trazado deste vial apareceu unha pedra no camiño. Máis ben varias pedras, xa que as prospeccións mostraron restos do Catro de Pregecido (Aguións), polo que era necesario buscar a forma de salvalo.
A solución rematou sendo un túnel de 300 metros, pero todo quedou aí. A tramitación ambiental rematou caducando e, o proxecto, abandonado nun caixón.
E mentras se suceden atropelos e accidentes entre o casco urbano e a zona de Liñares, chegou a última promesa: segundo o BNG, no ano que entra comezará a redacción dos proxectos para “comezar a execución antes de que remate a lexislatura”.
Co paso do tempo veremos se esta si que será a ocasión na que se constrúa ou, se pola contra, volverá a ser un anuncio sen final. O que si que está claro é que, a este ritmo, se xuntamos todos os caracteres de novas adicadas á variante e os poñemos en liña, imos poder cubir toda a distancia que ten que recorrer ese vial (todavía) inexistente.
2- E seguindo, pois que a autovía chegue a onde ten que chegar e non quede a medio camiño, como estivo ata non hai moito.
Outra desas grandes promesas que nunca chegaban. O 5 de maio de 2005, aquel Fraga ao que poucos días lle quedaban como Presidente da Xunta colocaba a primeira pedra da autovía. No momento no que estivo construída ata A Ramallosa (é dicir, ata onde hoxe continúa construída), ese Pérez Touriño do bipartito que gobernaba Galicia inauguraba a que se chamaría Autovía Santiago – A Estrada.
E a esa inauguración engadíaselle a promesa de que (algún día) chegaría á Estrada. Chegaron as seguintes autonómicas e Feijóo conseguía a súa primeira maioría absoluta (serían 4, para os que perderon a conta) e, tras isto, aparecía nesta historia o malo da película.
Agustín Hernández, o naquel momento responsable de Infraestruturas, tivo que dicir que se paraba o proxecto por culpa da crise económica (vamos, o que chamamos o malo da película).
Cando a crise xa pasou o proxecto foise retomando e este ano comezou a construción do seguinte tramo, que prolongará o vial ata Pontevea. A previsión é que, tras este, se constrúa o que remata no Rollo e así poidamos dicir que a autovía Santiago – A Estrada xa chegou ao concello da Estrada.
O futuro tamén nos dirá se finalmente se constrúe os seguintes tramos que estaban previstos nun principio: O Rollo – Matalobos e Matalobos – A Estrada. O primeiro tería un enlace á altura do Polígono de Toedo, para facilitar o tránsito de camións para este. E mais dun vaise rir cando lea o seguinte, porque tamén se falou de que a AG-59 chegase a Forcarei e a Cerdedo.
3- Moito máis non vos vou pedir, pero últimamente (xa antes pero agora máis) a poboación da Estrada é unha cifra preocupante: cada vez hai menos xente no concello e iso pódenos deixar sen moitos servizos.
Este rapaz ten moita razón: A Estrada vai rematar este 2023 cuns 20.075 habitantes. É dicir, que se perde 76 habitantes perderá a súa cateoría e, con ela, moita independencia.
Cando un concello supera os 20.000 habitantes, este debe contar con servizo de Protección Civil ou instalacións de uso público e atanción inmediatas a persoas en situación ou risco de exclusión social, entre outros servizos.
Cando se baixa desa barreira, a Deputación asumiría a coordinación dos servizos de lixo, auga potable e alumeado. Tamén pasaría a mans provinciais o SAF (Servizo de Axuda no Fogar) e non se podería optar a moitos fondos europeos, como a EDUSI.
A nivel electoral tamén habería consecuencias, pois o números de concelleiros pasaría de 21 a 17.
A lista aínda é máis longa, pero con que axudedes un pouquiño niso, moitos estradenses agradeceráno.
Un saúdo,
Un rapaz estradense


Deixar un comentario