Román Suárez, voceiro de urbanismo do PSOE estradense, analizou o incremento do número de vivendas baleiras no Concello. Considera “alarmante” que, en 10 anos, se duplicara esa cifra e, segundo comentou, iso demostra que “A Estrada é un concello en clara regresión” e que o PXOM fracasou.
“Está demostrado que non era a ferramenta de futuro que necesitaba A Estrada” porque íanse crear 4500 novas vivendas e ía aumentar a poboación en 6800 veciños.
Isto débese, explican, a que o PP “non fai política de vivenda nin pública nin privada” e pedíronlles que tomen medidas para que o mercado inmobiliario estradense “volva a ser dinámico”.
Tanto Suárez como Luis López Bueno, líder dos socialistas do concello, opinan que o concello atópase ante unha “oportunidade histórica” para gañar poboación, xa que a vivenda en Santiago de Compostela “está en 350.000 a 400.000 euros, é imposible de adquirir para rendas de familias traballadoras”.
Os socialistas pedíronlle á corporación que “temos que ser capaces de convencer á xente de que A Estrada somos un candidato moi serio para desenvolver proxectos de vida nela” xa que “é a primeira vez na historia que podemos aproveitar o feito de ser área metropolitana de Santiago de Compostela”.


Deixar un comentario