2024 vai ser un ano de gran importancia para A Estrada. O ano vai comezar axitado a nivel político pola proximidade das Eleccións autonómicas, que se celebrarán o 18 de febreiro.
Algo que vai estar moi presente neste novo ano será a poboación, pois agora máis que nunca será importante aumentar a poboación para evitar baixar dos 20.000, algo que traería importantes consecuencias no concello.
Unha parte da actividade política vaise fixar na situación económica das arcas municipais, que se atopan en números vermellos e pola que o goberno municipal aumentou o IBI nun 25%. Neste 2024 tamén veremos os efectos da suba do IBI e como se xestionan os servizos municipais.
Tamén será interesante ver os posibles avances que se produzan na variante da N-640, xa que o BNG anunciou que este ano comezaría a redacción dos proxectos. A isto, sumémoslle os avances que se van ir producindo na autovía Santiago – A Estrada, que xa se atopa en obras e todo o que poida suceder na PO-841, un vial que rexistra accidentes con feridos case todos os meses.
Outra cousa que non poderemos perder de vista será a ampliación do Polígono de Toedo, á que a Xunta vai destinar 400.000 para a redacción do PEOSE e dos proxectos de urbanización e de expropiación necesarios. Está previstos que así o polígono teña 162.000 metros cadrados máis.
Por último, o 2024 posiblemente continuará sendo un ano de grandes éxitos deportivos dos clubes e deportistas estradenses e dos que, sen dúbida algunha, estaremos pendentes.


Deixar un comentario