López Bueno incide na necesidade de planificar o futuro dos dous xulgados

López Bueno incide na necesidade de planificar o futuro dos dous xulgados

Que facer cos edificios dos Xulgados número 1 e número 2? Esa é a preocupación que manifestou Luis López Bueno, líder dos socialistas estradenses, pois este 2024 inauguraráse o novo edificio xudicial.

Por iso, o socialista ve “urxente” que se planifique o novo uso dos dous edificios. Lembrou que o edificio do Xulgado número 2 é municipal pero, o do número 1 pertence á Xunta e botou en falta que o PP “non avanzara se pensa facer algo con esas instalacións”.

López Bueno indicou que os edificios pódense empregar para servizos municipais que os necesitan e considera que é unha decisión que se ten que facer “por consenso” xa que son “actuacións a longo prazo”.

Por este asunto fíxose eco dun rumor existente: “é sabido que Amalia Goldar pretende levar as instalacións de servizos sociais ao actual Xulgado 1”; e referiuse á promesa electoral dos populares: “o PP prometeu novas instalacións para servizos sociais no ambulatorio antigo seguindo a dirección que marcamos dende o PSOE xa no ano 2019”.

Sobre o antigo Centro de Saúde comentou que o goberno municipal só fixo “unha foto diante del” para poder municipalizalo, pois pertence ao Estado. “A única alternativa realista é que a TGSS ceda o edificio con carácter gratuíto e indefinido, como permite a lei” e, tras isto e segundo as verbas de López Bueno, poderíase “acondicionalo con fondos de calquera administración”.

“Coa estratexia PP temos unha zona do casco urbano perdendo actividade e un edificio de 2.000 metros cadrados deteriorándose cada día. Xa van 2 anos de paralización e serán moitos máis se o PP da Estrada non cambia de actitude”.

Luis López Bueno, líder do PSOE da Estrada

O socialista considera que nos vindeiros meses “quedarán ao descuberto as mentiras do alcalde” sobre a reversión gratuíta deste edificio. Tamén opinou que “o alcalde sabe perfectamenteque a lei impide que as administracións regalen os seus bens inmobles, e a Xunta tampouco vai a dar a propiedade do Xulgado 1 sen ningunha contraprestación”.


Imaxe de portada:
Xulgado número 1 da Estrada // Google Street View

Comentarios

Deixar un comentario