Para comezar esta crónica ímonos apoderar dun meme da conta de Instagram @unvalonocastroloureiro. E é que as fochancas dos aparcadoiros da Estrada – especialmente os de Correos e Avenida de América – son as novas “piscinas” da Estrada.
Alí as fochancas xa acadan varios centímetros de profundidade e, incluso, chegan a desbordarse e crear un “regato” que remata varios metros despois nun sumidoiro.


Moitos dirán que o Concello debería asfaltalos para así evitar estes problemas, pero non pode xa que non son de titularidade pública, senón que os propietarios das parcelas nas que se asentan cedéronllas ao Concello para que fixera os aparcadoiros.
Debido a iso, e ante a posibilidade de que os propietarios revoquen a cesión, todo o que se faga nel ten que ser fácil de quitar – algo que cunha capa de aglomerado non pasaría.
A única solución que ten agora mesmo o Concello é a de volver acondicionalo cunha nova capa de area á espera de que o paso dos coches e as chuvias volvan a formar fochancas.

O final dos aparcadoiros?
Tanto o aparcadoiro de Correos coma o da Avenida de América teñen os días contados, pois está previsto a construción de novos viais a través deles. Isto forma parte do desenvolvemento urbanístico que se pretende facer na contorna da Avenida de América.
Imaxe de portada:
Aparcadoiro da Avenida de América // O Xornal da Estrada


Deixar un comentario