O PSOE reclama que se constrúa unha nova residencia pública

O PSOE reclama que se constrúa unha nova residencia pública

Amalia Lago, concelleira do PSOE da Estrada, pediu que a Xunta constrúa unha residencia pública na Estrada. Esta petición, que di que “non é nada distinto ao que hai noutros Concellos”, débese a que A Estrada ten 2,8 prazas de residencia por cada 100 maiores de 65 anos, atopándose por debaixo das 5 prazas que recomenda a OMS.

Proba diso, comentou a socialista, é que a residencia privada Amboage cubriu o 100% das prazas sen a necesidade de convenialas coa Xunta.

“A nova residencia pública que reclamamos permitiría novas prazas moito máis accesibles dende o punto de vista económico”

Amalia Lago, concelleira do PSOE da Estrada

Lago reclamoulle ao PP que comece a traballar en “conseguir unha bolsa de terreo que poida acoller as instalacións” para poder negociar coa Xunta. Aproveitou para valorar negativamente que na última visita de Fabiola García, Conselleira de Política Social e Xuventude, non se falara diso.

A socialista lembrou que o PSOE incluíra unha proposta de Residencia de colaboración público-privada na Axenda Urbana da Estrada, e puxo o exemplo de Silleda, “onde funciona máis que ben”.

Amais, Amalia Lago reclamou que se promovan as actividades para a terceira idade e se reforcen as actividades para as persoas con discapacidade. Inclúe na proposta a creación dun servizo municipal no que se organicen actividades para os maiores e que realicen actividades para promover os “vínculos entre a xeración maior e a xente máis nova”.

Comentarios

Deixar un comentario