Desde as 00.00 do domingo ata as 18.00 deste xoves rexistráronse na Estrada 199mm, sendo o mércores cando máis choveu (66mm), segundo a AEMET.
Esta situación provocou un pequeno desprendemento de terra no lugar de Calvelo, en San Andrés de Vea. A Agrupación de Voluntarios de Paramá San Andrés de Vea xa avisou ao Concello.
Esta é unha parte das incidencias rexistradas no concello como consecuencia da borrasca Irene. O groso destas estivo relacionado cos fortes refachos de vento.
Por iso, Emerxencias desprazouse ata Cereixo, Matalobos, Santeles, Remesar, Nigoi, Ribeira, Frades, Rubín, Callobre, Curantes, Cora e San Tomé de Ancorados para retirar árbores. Tamén revisaron unhas chapas no Manuel Regueiro e uns cables en Vilar.
A Agrupación de Voluntarios de Paramá San Andrés de Vea tamén estivo retirando árbores no lugar de Paramá e colaborou con Mantemento de Estradas e con Emerxencias de Cuntis nunha incidencia na EP-8401 (Estrada O Souto de Vea – A Portela).

O mércores un arco que formaba parte do alumeado de Nadal caeu parcialmente na 3ª Travesía de América e, este xoves, aínda continuaba colgando dos cables, sen que se achegaran operarios a retiralo. Este é o segundo elemento decorativo que se precipita ao chan nesa rúa, pois o 2 de xaneiro outro arco luminoso tivo que ser retirado despois de que caera debido ao temporal.
Sol e frío por uns días
A borrasca Juan non afectará ao concello, polo que agardamos dous días de sol, que virán acompañados de frío. Deste xeito, este venres agardamos que as mínimas baixen ata os 0 graos a última hora do día e, as máximas, quedarán nos 11º. O sábado a mínima chegará ata os -3º e, a máxima, aos 10. O domingo prevése a entrada de precipitacións lixeiras na segunda metade do día.
Imaxe de portada:
Desprendemento de terra en San Andrés de Vea // Agrupación de Voluntarios de Paramá San Andrés de Vea


Deixar un comentario