Ana Pontón, candidata do BNG á Presidencia da Xunta de Galicia, visitou este sábado a feira da Estrada para anunciar algunhas das medidas que pretende levar a cabo na comarca se goberna.
Visitou o Novo Mercado e prometeu que terán como prioridade que os produtores teñan “prezos xustos”, polo que terían que ter “unha remuneración acorde co esforzo que se realiza”.
“Creo que hai moita xente que fai un traballo moi duro, que é a xente que fai posible que poidamos ter alimentos de calidade, e un dos compromisos que temos dende o BNG é que eses produtores teñan uns prezos xustos”
Ana Pontón, candidata do BNG á Presidencia da Xunta de Galicia
Tamén puxo no foco a situación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Para a candidata nacionalista é importante “poñer ás persoas no centro” e “pensar en como mellorar a vida da cidadanía”.
A proposta de Pontón é aumentar un 66% as axudas destinadas a este servizo, aumentando en 86 millóns de euros a nivel galego. Este aumento faríase “para que sexamos capaces de atender mellor ás persoas que queren pasar a súa vellez nas súas casas, pero que teñen que facelo con servizos axeitados”.
Amais, anunciou que se incrementará a rede de centros de día, “sabendo que A Estrada é un deses lugares que necesita un equipamento para darlle un mellor coidado ás persoas maiores e favorecer que estean no seu contorno familiar”.
Por último, chamou á mobilización pedindo “unha participación histórica” coa que o BNG resulte gañador dos comicios.
Imaxe de portada:
Ana Pontón arroupada polo BNG da Estrada e os seus simpatizantes // BNG


Deixar un comentario