Luís Bará, cabeza de lista por Pontevedra do BNG, achegouse este mércores a ‘Flavia, horta da casa’, unha horta ecolóxica de Berres para anunciar unha das propostas do Bloque para as autonómicas.
Bará anunciou que desde a formación nacionalista promoverán a “compra verde” nos comedores de centros de día, residencias e centros escolares públicos, algo que serviría para promocionar os produtos do agro galego.
“Esta iniciativa axudará a fixar actividade económica e poboación no rural, a loitar contra o cambio climático polo tema do quilómetro cero, e tamén a potenciar e promover unha alimentación máis saudable con produtos frescos e de calidade”
Luís Bará, cabeza de lista por Pontevedra do BNG
Tamén defendeu que Galicia “debe ser unha potencia alimentaria” e, para iso, será necesario diversificar a produción e potenciar “as ecolóxicas”.
Por último, apuntou que o BNG creará, no caso de gobernar, unha “plataforma galega de venda por internet con participación pública e do sector privado para que o comercio e os produtores locais teñan unha plataforma galega a través da que comercializar produtos de todos os ámbitos e sectores”.
Esta proposta, segundo Bará, facilitaría as negociacións dos produtores cos distribuidores e poderíase vender fóra da comunidade.
Imaxe de portada:
Luís Bará en Berres // BNG


Deixar un comentario