Os cambios na secundaria estradense xa son oficiais para o próximo curso

Os cambios na secundaria estradense xa son oficiais para o próximo curso

López Bueno considera necesario que tamén se reforme a primaria

Xa é oficial: no curso 2024/2025 a secundaria comezará a reorganización. Amalia Goldar, concelleira de Benestar Social, Igualdade e Educación Social, compareceu onte para anunciar como serán os cambios e, na xornada deste xoves, xa lle chegou a confirmación aos centros educativos. Os cambios pode consultalos no seguinte artigo:

Luis López Bueno, líder do PSOE da Estrada, afirmou que está de acordo con que se faga a reorganización, aínda que para el teríase que facer doutro xeito e incluír a Educación Primaria.

Para o socialista teríase que agrupar toda a ESO nun instituto, o Bacharelato noutro e, a FP, no restante. Isto permitiría ”agrupar alumnos de idades similares nos centros, que aumentaría a matrícula de todos os IES, melloraría a coordinación nos Institutos e que deixaría un escenario moi claro para as familias”.

Á vez, segundo o socialista, teríase que levar a cabo unha reforma na primaria porque “é necesario equilibrar as matrículas nos CEIP para que se garantan os programas dun ano a outro, como o Plan Madruga ou os comedores escolares”. E advirtiu que neste eido pasa o mesmo que na secundaria, con centros con pouco alumnado e outros ao borde da súa capacidade.

Amais, anunciou que solicitaron a celebración dun Consello Escolar Municipal para que o PP “acabe con este circo de informacións parciais e interesadas que ofreceron o alcalde e a concelleira, que non teñen capacidade de decisión sobre o asunto”.


Imaxe de portada:
IES Manuel García Barros // Arquivo O Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario