O BNG critica que o PP non apoiara a moción para controlar as plantacións intensivas de viña no Ulla

O BNG critica que o PP non apoiara a moción para controlar as plantacións intensivas de viña no Ulla

O BNG estradense criticou que o PP non apoiara a moción presentada conxuntamente cos nacionalistas de Silleda e Vila de Cruces para controlar as plantacións de viñedos na contorna do Ulla e así frear as consecuencias que provocan.

Na moción, os do Bloque propoñían que as plantacións se intalaran de forma ordenada, que o Concello estude o impacto de cada nova plantación e que estas non afecten a bosques autóctonos, á flora e á fauna e ás plantacións ecolóxicas situadas á beira do río.

“Vemos como unha vez máis, o goberno local se pon de costas aos veciños que se ven afectados por estas plantacións de monocultivo que danan coa súa extensión os cauces fluviais en fauna e flora do Ulla;  que utilizan grandes cantidade de sulfatos que contaminan acuíferos e que recorren aos sistemas de fertirrigación que consumen grandes cantidades de auga só para o rego das mesmas”

Xoán Reices, voceiro do BNG na Estrada

Reices afirmou que os nacionalistas pensan que a Denominación de Orixe nas terras do Ulla “pode ser algo moi positivo” pero que non pode perxudicar “a vida do Ulla xa danada polos encoros e vertidos”. Creen que os viñedos deben permitir o asentamento de cultivos ecolóxicos na zona.

“O Ulla é a maior riqueza da Estrada, é fonte de vida para a nosa terra,  e é a nosa obriga coidalo e respectalo fronte as ambicións ilimitadas duns poucos aos que favorece sempre o PP”

Xoán Reices, voceiro do BNG na Estrada

Comentarios

Deixar un comentario