Alfonso Rueda, candidato do PP á Xunta de Galicia, realizou este mediodía un mitin na Estrada. O acto comezou con media hora de retraso debido a que no Pavillón Manuel Coto Ferreiro – onde tiña lugar o acto electoral – tamén se estaba celebrando a sesión matutina do Campionato de Judo Concello da Estrada.
No mitin interviron José López Campos, alcalde da Estrada; María Martínez Allegue, número 3 pola provincia de Pontevedra; Luis López ‘Lugués’, Presidente da Deputación de Pontevedra; e o propio Alfonso Rueda.
José López Campos: “[O PP de Galicia] está construído por persoas que queren a Galicia”
Campos agradeceulle ao candidato que se achegara ata o concello porque “aquí tes un goberno local que te apoia incondicionalmente”, porque “aquí tes un alcalde que está e estivo sempre contigo ao teu lado” e porque “aquí tes todo un concello no que traballamos intensamente só cun obxectivo: que sexas o próximo Presidente da Xunta de Galicia”.
Tamén comentou que cando o PP non acada unha “maioría absoluta incontestable”, gobernan, sobre todo, os “partidos de extrema esquerda”. En referencia á esquerda, comentou que “non entenden cal é a fortaleza do Partido Popular de Galicia”, que é que “está construído por persoas que queren a Galicia”
Despois falou de Rueda, describíndoo como boa persoa, xeneroso e unha persoa que traballa “por conseguir unha Galicia mellor”. Lembrou que o candidato “estivo detrás” das iniciativas dos últimos anos no concello, como a nova escola infantil, os edificios do 112 e da AGASP, as “numerosas probas” deportivas que se celebran no concello.
Mencionou que o goberno do PP conseguiu a educación infantil gratuíta e que levan como proposta electoral a gratuidade das matrículas universitarias. Tamén fixo referencia á ampliación da autovía e do Polígono de Toedo.
A posteriori, fixo referencia ao programa do BNG, no que hai propostas “de monolingüismo e autodeterminación” e pediu que o PP non se confíe ante as previsións das enquisas.
María Martínez Allegue: “necesitamos que convenzades ao veciño da casa do lado”
Martínez comezou a súa intervención comentando que a autovía a Santiago “sairá adiante polo compromiso que ten Alfonso Rueda con todos vós”.
“Para que esta autovía sexa unha realidade na vindeira lexislatura, xa sabedes o que temos que facer: só hai unha opción segura que é votar polo Partido Popular”
María Martínez Allende, número 3 do PP pola provincia de Pontevedra
Fixo referencia á etapa do bipartito tanto en Galicia coma na Estrada, na que despois de catro anos os do “pacto de perdedores” remataron saíndo do goberno.
“Necesitamos que sexades os nosos cantidatos, necesitamos que convenzades ao veciño da casa do lado, que convenzades ao veciño co que subides no ascensor, necesitamos que convenzades a ese compañeiro de traballo, que pidades o apoio para o Partido Popular”, pediu Martínez.
A popular indicou que Rueda “é o Presidente que nos baixa os impostos” e que é “o Presidente que baixa o IRPF”.
Luis López ‘Lugués’: “querendo atacar a un goberno están atacando aos galegos”
Lugués dixo “non entender” que a esquerda fale dunha “Galicia negra” e que “querendo atacar a unha persoa, querendo atacar a un goberno, querendo atacar a un partido político, están atacando aos galegos”.
“De verdade tan malo é o proxecto? Tan pobre é o seu programa? Tan imposibles son as súas promesas que teñen que ir sempre en contra dos avances que conseguiu Galicia?”
Luis López ‘Lugués’, Presidente da Deputación de Pontevedra
“Agora queren ter outro debate. Debe ser a ver si derrotan… superan a derrota do primeiro”, comentou e pediulles que se poñan dacordo sobre quen é o seu candidato para presidir para así realizar un cara a cara “e volver a ganalo outra vez”.
A continuación enumerou “o que non funciona”, é dicir, os gobernos de varios partidos, como o de Pontevedra ou o de Forcarei, exemplificou.
Alfonso Rueda: “non regresemos a esas imposicións lingüísticas”
Rueda comezou a súa intervención dicindo que “hai que traballar moito” para Gonzalo Louzao, suplente nas listas da provincia, saia elixido e continuou dicindo que o mitin que sempre se celebra no Coto Ferreiro o último domingo de campaña “dá moita forza”.
A continuación lembrou a pedida de man que presenciou na AGASP e pediu que o vindeiro domingo “me digades que sí, a min e a Galicia”. Asegurou que o día seguinte á celebración dos comicios “nós imos estar traballando”.
Rueda pediulle á esquerda que, no caso de que se “vaian xuntar” se o PP perde as eleccións, digan quen vai ser o candidato á Xunta para así facer un cara a cara.
Comentou que o partido que se perfila para levar a cabo un goberno alternativo ao do PP, o BNG, “é un partido nacionalista/independentista” que “son o mesmo de sempre, é a mesma esquerda de sempre” e que “son os mesmos sectarios intolerantes de sempre”.
En referencia ás críticas dos partidos de oposición nas que din que o programa dos populares apenas mudou desde 2020, Rueda afirmou que “temos ideas novas”.
O candidato asegurou que non quere que Galicia “se convirta nunha sucursal de todo o lío que se está formando no resto de España”.
“Quero unha educación pública como é agora en Galicia: que premie a superación”
Alfonso Rueda, candidato do PP á Xunta de Galicia
“Non regresemos outra vez a esas imposicións lingüísticas, a ese dicirche no que tes que falar. Porque se che din no que tes que falar o que vén despois é que che digan como tes que pensar”, asegurou Rueda.
Imaxe de portada:
Mitin de Alfonso Rueda, candidato do PP, na Estrada // PP de Galicia


Deixar un comentario