Media das enquisas: un PP con maioría pero en retroceso e un BNG disparado

Media das enquisas: un PP con maioría pero en retroceso e un BNG disparado

O PP volvería a conseguir a maioría absoluta, segundo a media das enquisas realizadas ao longo da campaña. Iso sí, faríao con menos escanos que en 2020. O BNG sería o único partido que aumentaría en escanos e, o PSOE, perdería 1. En canto a Sumar e Democracia Ourensana non está claro que consigan entrar no Pazo do Hórreo.

Segundo esta media, o PP pasaría de 42 escanos nos comicios de 2020 a 39. O BNG sería o gran beneficiado xa que, de media, conseguiría 23 escanos, 4 máis que en 2020. O PSOE perdería, segundo a media, un dos escanos conseguidos en 2020.

Por bloques, a suma de PP e VOX conseguiría, tendo en conta os datos que nos aporta a media, 39 escanos. Os partidos de esquerda conseguirían, no peor dos casos, 33 escanos e, no mellor dos casos e sempre e cando non se cumprira a previsión para a dereita, 39.

Na evolución das enquisas, vemos que o PP apenas sufriu variacións, xa que nas primeiras enquisas movíase entre os 39-40 escanos e, nas últimas, nos 39.

O caso do BNG é claramente alcista: no inicio da campaña as enquisas outorgábanlle entre 19 e 20 escanos e, na actualidade, sitúano entre os 23 e 24 asentos.

Ao PSOE as sondaxes outorgábanlle 14 escanos no inicio da campaña e, na actualidade, entre 12 e 13 asentos.

No relacionado con Sumar e Democracia Ourensana, non está claro que poidan ter representación no Parlamento Galego. Sí que está claro no relacionado con VOX e Podemos, que en ningún momento lles outorgaron representación no Pazo do Hórreo.

Días decisivos

Os vindeiros días, nos que non se poden publicar enquisas, serán decisivos na campaña electoral. Os acertos e erros que cometan en campaña os diferentes partidos decidirán se o PP revalidará a maioría cun mellor resultado que o que prognostican as enquisas ou, pola contra, perderá o goberno e entrará a esquerda en San Caetano.

Comentarios

Deixar un comentario