Veciños de Ribela queixáronse, nunha mensaxe enviada a Cousas da Estrada, de que, máis dun ano despois de facer unha recollida de firmas para que se fixeran melloras na cobertura de telefonía e de internet da parroquia, estas seguen sen producirse, pese a que se anunciou que se prometeu que se instalaría un repetidor “de forma inmediata”.
“Da igual con qué compañía teñamos contratados os servizos de telefonía e de internet, porque con todas estamos tendo os graves problemas de cobertura e pagando por uns servizos que non temos garantidos e que seguen empeorando”
Mensaxe enviada por veciños de Ribela a Cousas da Estrada
Denuncian que teñen problemas á hora de chamar ou de enviar WhatsApps debido á mala cobertura e que, incluso, chegaron a perder citas médicas telefónicas por este motivo.
Comentan que teñen medo de que lles pase algo e non poidan pedir axuda a causa da mala cobertura e piden que lles dean solucións “urxentemente e non se queden en palabras, ante esta situación que parece tercermundista”.

Deixar un comentario