Luis López Bueno, líder do PSOE da Estrada, tachou de “embarazosa” a imaxe feita por varios cargos do PP nas obras de ampliación da AG-59. En dita imaxe aparecen Luis López ‘Lugués’, Presidente da Deputación de Pontevedra e Presidente do PP provincial; Luisa Piñeiro, Secretaria Xeral do PP da provincia; José López Campos, alcalde da Estrada; e Gonzalo Louzao, Concelleiro de Urbanismo na Estrada, entre outros membros do PP de Pontevedra.
“É ridículo que os cargos de Pontevedra vaian visitar unhas obras que comezan e rematan na provincia da Coruña”
Luis López Bueno, líder do PSOE da Estrada
Segundo o socialista, o PP intenta “patrimonializar” a autovía despois de 15 anos de parálise e lamentou que “só recorde a autovía en época electoral”.
“Os veciños e veciñas saben perfectamente que os mesmos que aparecen na foto son os que pararon a ampliación mentres favorecían outros concellos” e, por iso, “ninguén entende que o PP intente aparecer agora como salvador da autovía”, afirmou López Bueno.
O socialista cre que o PP estradense tiña que ter defendido os intereses veciñais “con moita máis intensidade do que o fixo” e opina que, en lugar de dicir que fora “xeneroso e comprensivo” coa Xunta, podía dicir que “foi sumiso ao que lle mandaban dende Santiago” e que “defendeu os intereses do PP e non os dos veciños e veciñas da Estrada”.
Aproveitou para facer unha valoración das verbas pronunciadas o pasado domingo por Alfonso Rueda no Coto Ferreiro. O líder dos socialistas móstrase escéptico con que o PP consiga que a autovía chegue ao noso concello porque “ese señor levaba 14 anos sendo Vicepresidente da Xunta e non moveu un dedo para a ampliación” e porque o seguinte tramos está pendente de licitación.
Imaxe de portada:
Alfonso Rueda no mitin na Estrada // Captura de pantalla


Deixar un comentario