O BNG da Estrada presentou un recurso de alzada contra o parque eólico Monte Xesteiros dado que, segundo Xoán Reices, voceiro do partido, “o proxecto non se axusta á realidade e ten erros que consideramos importantes durante a tramitación, o que, provoca a indefensión dos veciños e veciñas para defender os seus intereses”.
O primeiro dos motivos que os levou a presentalo, explica Reices, é que o proxecto “non contempla actuacións sobre o tendido eléctrico, alumeado público e tendido de telecomunicacións” que existen na zona pola que terán que transitar os camións, sen que estes lles conste á Xunta.
“O lóxico é que o proxecto contemple as actuacións previstas pola empresa para evitar que os veciños sufran as consecuencias de cortes de luz e teléfonos durante unhas obras que se poden prolongar até 8 meses”
Xoán Reices, voceiro do BNG da Estrada
Amais, eses camións, segundo o nacionalista, terán que transitar pola EP-8401 (Estrada A Portela – Souto de Vea), que “tamén se vai ver afectada por ampliacións e ocupacións de terreos, e non se detallan no proxecto”.
Esa situación compáraa co que está a suceder nestes días na N-640, onde se teñen que realizar obras no Castro Loureiro e na rotonda das Colonias para que pasen os camións que transportan as pezas dun eólico en Campo Lameiro.
Tamén se fai eco dun erro cometido pola promotora á hora de mencionar o vial provincial, ao que se refire como PO-P-2141, cando non existe no rexistro da Deputación.
O último dos motivos é o “incumprimento” da Xunta da Lei de Procedemento Administrativo, dado que “non se pode verificar a autenticidade e integridade da documentación do proxecto” porque os documentos non contan cun Código Seguro de Verificación (CSV) ou Código de Verificación Electrónico (CVE).
“Ao noso entender, provocaría a anulabilidade do proxecto ao incorrer en infracción das normas establecidas na lexislación administrativa, sendo en consecuencia ademais anulables todos os actos posteriores realizados no procedemento”, comentou Reices.
“Desde que se iniciou a tramitación estamos a ver que a Xunta non está a defender os intereses dos veciños e veciñas, nin sequera o interese público, ponse claramente de parte da empresa promotora, algo que tamén estamos apreciando no concello e por suposto na Deputación de Pontevedra”
Xoán Reices, voceiro do BNG da Estrada
Imaxe de portada:
Parque eólico no Monte Cabalar // Arquivo

Deixar un comentario