Altri vertería ao Ulla nun ano o equivalente “ao xurro de 1.850 vacas mexando e cagando no río directamente”

Altri vertería ao Ulla nun ano o equivalente “ao xurro de 1.850 vacas mexando e cagando no río directamente”

Xoán Castro: “van converter o Ulla nunha cloaca”

Nun acto celebrado este venres en Melide pola Plataforma Ulloa Viva, varios expertos explicaron as consecuencias que podería ter no medio ambiente. O público, procedente de varios concellos, entre os que se inclúe A Estrada, encheu a Casa da Cultura, espazo no que se celebraba esta charla.

Marcos Cernadas, da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra, falou do que viviron na capital da provincia pola instalación de ENCE:

“Logo de manifestacións e boicots a empresa instalouse, sen licencia, e empezaron os cheiros, os verquidos á Ría, a mortandade dos peixes e unha escuma marrón de materia orgánica dos verquidos cubrindo a zona”.

Marcos Cernadas, Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra

E engadiu que estas empresas “sempre din que eles non contaminan, só queren a auga, o terreo e que non lles molestedes”.

Xoán Castro, enxeñeiro agrónomo, comentou que Altri emitirá ao aire óxido de nitróxeno e óxido de xofre, partículas “que nos van afectar aos pulmóns e á calidade de vida” e que poden provocar chuvia ácida.

No relacionado coa auga, Castro calificou o proxecto da celulosa como “chafalleiro” porque se refire a cifras de emisión que non multiplica polo caudal de auga que quere manexar a empresa e, ademais, “os sólidos en suspensión van sedimentar e enlodar todo o encoro de Portodemouros”.

Segundo os seus cálculos, Altri vertería ao Ulla nun ano 164 toneladas de nitróxeno e 20 de fósforo, “o que equivale ao xurro de 1.850 vacas mexando e cagando no río directamente un ano, ou ben o de 28.000 porcos de ceba nas mesmas condicións”.

Por iso, Castro cre que “van converter o Ulla nunha cloaca”. Ademais, comentou que Altri consumiría tanta auga coma 1,2 millóns de vacas.

Consecuencias na saúde, no medioambiente e na economía

Un dos asistentes como público foi o neumólogo Evaristo Lombardero, que contou a súa experiencia de 20 anos no Hospital de Nacia de Suarna (Asturias), a 3 quilómetros de onde se instalou ENCE.

“Non hai traballos publicados ao respecto sobre os efectos na saúde da xente, pero os neumólogos e os pediatras sospeitábamos dos efectos destas celulosas nos casos de asma infantil e nas patoloxías respiratorias”.

Evaristo Lombardero, neumólogo

Santiago Ortiz, catedrático de Botánica da USC, explicou que na zona na que se quere instalar Altri “hai 8 especies ameazadas” e que, delas, “7 están no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, co que supostamente terían que estar protexidas pola Xunta”.

Rubén Lois, catedrático de Análise Xeográfica e doutor en Xeografía, destacou que “en Portugal teñen 3 plantas e só 700 empregados, xeneran menos emprego que o Camiño, a gandeiría e as empresas da comarca”, e afirmou que terá graves consecuencias na actividade empresarial da zona.

Xaquín Rubido, presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, comentou que os problemas que afronta o marisqueo van empeorar porque “Altri vai detraer un gran volumede auga e aportarlle materia orgánica e químicos, e todo a 27 graos de temperatura”, algo que “vai a xerar un problema de tóxicos e vai en poñer en perigo a saúde pública”.

Ademais, a actividade de Altri podería poñer en risco “unha sinal de identidade”, que é a Ría de Arousa, “potencia económica que produce o 70% do mexillón e o 60% da ameixa” de Galicia.


Imaxe de portada:

Charla informativa da Plataforma Ulloa Viva en Melide // Plataforma Ulloa Viva

Comentarios

Deixar un comentario